RESPOSTAS A PREGUNTAS FRECUENTES SOBRE A NORMATIVA DE
AVALIACIÓN DO RENDEMENTO ACADÉMICO DO
ESTUDANTADO E DE REVISIÓN DE CUALIFICACIÓNS
NA USC
1. Que é a programación docente ou guía
docente?
A programación ou guía docente establece
para cada materia as liñas xerais de
desenvolvemento dela e o profesorado
encargado de impartila.
2. Que contido mínimo debe figurar na
programación ou guía docente?
Deberá especificar:
•Profesorado encargado da docencia indicando
a persoa coordinadora cando son varios os
que a imparten.
•Descritores da materia no plan de estudos
•Número de créditos expositivos,
interactivos, de laboratorio, etc.
•Obxectivos da materia
•Programa da parte teórica e práctica
•Desenvolvemento do temario (con indicación,
de ser posible, do tempo previsto para cada
tema) especificando a docencia non
presencial
•Criterios e sistemas de avaliación (tipo e
número de probas, traballos a presentar coas
posibles datas de entrega de ser o caso,
controis periódicos, etc.)
•Bibliografía recomendada actualizada
3. Que dereitos ten o estudantado respecto
das datas dos exames?
Debe coñecer con antelación suficiente tanto as
datas dos exames como os criterios de
avaliación.
4. Poden coincidir as datas dos exames
dentro dun mesmo curso?
As probas oficiais de carácter global dun
mesmo curso non poden coincidir en día e
hora; debe o centro evitar que se realicen
cunha diferenza inferior a 24 horas.
5. Que pode facer o alumnado cando
coinciden en día e hora dúas probas oficiais
globais de diferentes cursos?
O alumnado poderá solicitar ao profesorado, e en
todo o caso ao centro, que se facilite a
realización das dúas probas.
6. Cando se fan públicos os horarios, as
datas das probas oficiais globais e as
programacións docentes?
Deberán publicarse antes de 30 de maio ou,
en todo o caso, antes do prazo establecido
para o inicio da matrícula do curso
académico.
7. Os criterios e sistemas de avaliación
deberán ser públicos?
O alumnado ten dereito a coñecer os
criterios e os sistemas de avaliación das
materias, que deberán figurar en todo o caso
na programación ou guía docente.
8. O sistema e criterios de avaliación
deberán ser os mesmos para todas as
oportunidades de avaliación?
O sistema e criterios de avaliación serán
determinados polo profesorado e aprobados
polo Consello de Departamento. No caso de
que exista diferenza entre as distintas
oportunidades de avaliación, a programación
ou guía docente terá que recoller os
sistemas e criterios previstos para cada
unha delas, incluíndo o sistema e criterios
especiais para persoas repetidoras, se
existen.
9. Como se valorará a asistencia a clase?
Dependo do previsto na programación ou
guía docente da materia a asistencia a clase
valorarase
•como un factor máis na avaliación continua
•como unha porcentaxe da nota global final
•como un requisito para superar a materia,
debendo neste caso estar expresamente
contemplado na programación ou guía docente
10. A falla de asistencia ás clases pode
ser valorada negativamente?
A falla de asistencia á clase non poderá
puntuarse negativamente, aínda que pode
impedir a superación da materia tal e como
se prevé no apartado anterior.
11. Poden xustificarse as faltas de
asistencia a clase evitando os resultados
negativos?
As faltas de asistencia poder
xustificarse nos seguintes supostos:
• A realización dun exame oficial ou proba
selectiva na Administración pública,
xustificada polo órgano avaliador
• A asistencia a órganos colexiados en
representación dun colectivo, acreditado
mediante a presentación da convocatoria
• O ingreso nun centro hospitalario ou
consulta programada acreditado a través do
xustificante do centro
• A enfermidade que impida a presenza física
no centro, debidamente acreditada
• A folga ou paro académico colectivo
• A enfermidade grave ou falecemento dun
familiar ata o 2.º grao debidamente
acreditado
• O cumprimento dun deber público
debidamente xustificado
• Calquera outra causa de forza maior a
xuízo do Decanato nos estudos de grao ou da
persoa coordinadora nos estudos de máster
12. Poderá o profesorado esixir
determinadas actividades para a superación
das materias?
Cando o profesorado esixa a realización
de determinadas actividades (prácticas,
seminarios, traballos...) para a superación
da materia, deberá precisalo necesariamente
na programación ou guía docente. Tamén
deberá precisar se a non realización destas
actividades impide tamén a superación da
materia nas oportunidades de recuperación.
13. Poden conservarse determinadas
actividades para os seguintes cursos?
Estas actividades poderán conservarse
sempre que exista conformidade entre o
profesorado responsable en cada un dos
cursos.
14. Como se acordan as datas e lugar de
realización das probas oficiais?
Estas datas son acordadas polas xuntas
de facultade ou órgano en quen delegue, coa
participación da representación do
estudantado nestes órganos.
15. Como se fixan as probas oficiais
orais?
As probas orais oficiais establéceas a
xunta de facultade ou órgano en quen delegue
da mesma forma e coa mesma publicidade que
as probas escritas.
16. Como deben realizarse as probas
oficiais orais?
Para a realización destas probas o
profesorado deberá convocar aquel
estudantado que previsiblemente poida
examinarse cada día.
17. Onde se realizarán esta probas
oficiais orais?
As probas oficiais orais realizaranse na
aula ou despacho que determine o profesorado
e deberán ser públicas.
18. Que profesorado será o encargado de
realizar as probas oficiais orais?
Cando as probas orais sexan as únicas
probas da avaliación previstas na
programación ou guía docente, deberán
realizarse por un tribunal composto cando
menos por dous profesores da materia, que
deberá ser aprobado polo departamento.
19. Poden modificarse as datas de
realización das probas oficiais?
Estas datas só poderán modificarse por
causas excepcionais e haberá que dar ás
novas datas suficiente publicidade.
20. ¿Que profesorado ten que encargarse
da avaliación?
A avaliación ordinaria realizaraa o
profesorado encargado da materia conforme
aos criterios establecidos na programación
ou guía docente.
21. O estudantado membro de órganos
colexiados que, por razón de asistencia ás
reunións, non poida concorrer ás probas
programadas, ten dereito a que se lle fixe
unha data distinta ás establecidas?
O alumnado nesta situación poderá
solicitar que se lle fixe un día e hora
diferentes.
22. Cando pode coñecer o estudantado as
cualificacións das probas parciais ou
finais?
Ten dereito a coñecer os resultados da
avaliación nun tempo razoable, que salvo
casos excepcionais non poderá ser superior a
15 días.
23. Pode o profesorado destruír as probas
oficiais?
O profesorado deberá conservar o
material referente ás probas oficiais ata a
finalización do curso académico seguinte.
24. Como teñen que publicarse as datas
para a revisión?
As datas para a revisión das
cualificacións deberán estar comprendidas
nos dez días seguintes á publicación dos
resultados, e o prazo para a revisión será
cando menos de tres días hábiles contados
dende o seguinte á publicación dos
resultados. O horario establecido para a
revisión será alternativo en quendas de mañá
e de tarde.
25. Que persoas poden concorrer á
revisión das cualificacións?
A revisión realizarase persoalmente polo
alumnado, de forma individual ou colectiva,
dependendo do tipo de proba por revisar.
26. Como pode reclamar o estudantado
contra a avaliación dada polo profesorado?
O estudantado, despois de firmar a
revisión da cualificación para que quede
constancia de que revisaron a súa
cualificación ante o profesorado encargado
da materia, pode presentar unha reclamación
motivada dirixida ao decanato ou dirección
do centro.
27. En que prazo hai que presentar a
reclamación contra a avaliación?
O prazo para presentar a reclamación é
de 10 días hábiles dende que tivo lugar a
revisión.
28. Cando pode rexeitarse a reclamación?
Cando careza absolutamente de
motivación. O estudantado poderá recorrer
ante a Reitoría o rexeitamento da
reclamación.
29. Quen resolve a reclamación?
A reclamación presentada será resolta
por unha comisión nomeada pola decana/o de
centro, da cal non poderá formar parte o
profesorado responsable da cualificación.
30. Que competencias ten a comisión de
reclamación?
Unha vez revisada a proba, a comisión
poderá ratificar a cualificación, modificala
outorgando a que corresponda ou adoptar as
medidas necesarias para a realización dunha
nova proba cando os elementos para a
avaliación non sexan suficientes ou os
criterios aplicados non se axusten aos
establecidos na programación ou guía
docente.
31. Quen comunica a decisión da comisión?
A decisión será notificada por unha
resolución do decano/a.
32. Que pode facer o estudantado ante a
decisión da comisión, reflectida na
resolución do decano/a?
Poderá reclamar ante a Reitoría, nun
prazo dun mes que se contará dende a
notificación da resolución.
33. Que dereitos ten o estudantado dos
másteres respecto da reclamación das
avaliacións?
Ten tamén dereito de revisión e de
reclamación contra a avaliación outorgada
polo profesorado, que se concretará ante a
comisión académica no prazo de 10 días
hábiles dende a revisión. As funcións que
nos apartados anteriores correspondía ao
decano/a corresponden nos másteres aos
coordinadores/as. Contra as súas resolucións
caben tamén recursos ante a Reitoría.
34. Que alumnado ten dereito ao apoio
titorial extraordinario?
O estudantado con materias pendentes que
non superen os 18 créditos, e teñan
esgotadas cando menos 2 convocatorias en
cada unha delas. No caso de plans de estudos
vellos non adaptados a créditos, o número
máximo de materias pendentes será de tres.
Tamén poderá solicitar este apoio titorial
extraordinario o estudantado que teña
pendente só unha materia, aínda que non teña
esgotada ningunha convocatoria.
35. Pode acollerse ao apoio titorial
extraordinario o estudantado matriculado en
materias sen docencia?
Estas persoas tamén teñen dereito ao
apoio titorial extraordinario desas
materias.
36. Nos estudos en proceso de extinción,
que profesorado é o encargado de avaliar os
exames das materias sen docencia?
Os exames das materias sen docencia
serán avaliados polo profesorado que levou a
cabo a docencia no curso anterior ou quen
determine o departamento.
37. Que criterios de avaliación e que
programa rexen nas probas das materias sen
docencia?
Os criterios de avaliación serán os
determinados no último curso con docencia e
o programa será o que se desenvolveu nese
curso.
38. Nas titulacións en extinción, cando
as materias estean extinguidas procede
sempre a transformación aos estudos de grao?
Sempre que exista equivalencia entre as
materias, nos supostos de adaptación
obrigatoria por estar as materias
extinguidas, poderá autorizarse que o
estudante realice ata un máximo de tres
materias ou 18 créditos nos estudos de grao,
que despois serán imputadas ao plans en
extinción recoñecéndolles a cualificación
outorgada.
39. Que consecuencias ten para o
estudantado a realización fraudulenta de
exercicios ou probas?
Neste caso a cualificación será a de
suspenso na convocatoria correspondente, con
independencia do proceso disciplinario que
se poida seguir contra a persoa.
40. Que tipo de traballos teñen a
consideración de fraudulentos?
Considérase fraudulenta a realización de
traballos plaxiados ou obtidos de fontes
accesibles ao público sen reelaboración ou
reinterpretación, ou sen citas de autoría ou
fontes.