HISTORIA DA ESCRITURA EN GALICIA


VISIGÓTICA~ CAROLINA~ GÓTICA~ CORTESÁS E PROCESAIS~ HUMANÍSTICA

  • A ESCRITURA VISIGÓTICA

    Basicamente a escritura medieval galega é continuación da que empregaron os romanos, tal e como acontece coa lingua. Deixando á marxe diversos restos, epigráficos non pode falarse de escritura galega ata os primeiros tempos da Reconquista. Dende este intre e ata o século XII, a grafía empregada en Galicia é a escritura chamada visigótica, que ofrece duas variantes: cursiva e redonda ou caligráfica. Ámbalas duas derivan da "nova escritura común" empregada durante o Baixo Imperio Romano, continuada durante o período correspondente ás monarquías sueva e visigoda e que se mantén no tempo da Reconquista ata o século XII. Nestas últimas datas alterna xa co novo sistema carolino de orixe francesa.

    A variante cursiva deriva directamente da "escritura nova común" romana e tende a usarse nos documentos; a redonda, que semella unha versión caligrafiada da cursiva con elementos de tipo semiuncial (outro antigo alfabeto romano), aparece sobre todo nos códices.

    Exemplo n. 1


  • O SISTEMA CAROLINO

    Entre o século XI e o XII prodúcese o tránsito da visigótica á escritura carolina. O novo sistema penetrará ó través do Camiño de Santiago e sobre todo pola entrada da orde francesa de Cluny no reino de León -ó que pertence Galicia-. A carolina extendese antes nas vilas, como Santiago, que no rural, máis alonxado das correntes innovadoras, onde a visigótica mostra unha maior permanencia.

    O arcebispo Xelmírez terá neste momento un grande protagonismo tanto nos acontecementos políticos como nos culturais. No campo escriptorio cabe supoñer que as novas tendencias gráficas -o alfabeto carolino- atoparon nel un gran valedor. A presencia de persoaxes composteláns nas principais chancelerías do reino castelán-leones e a súa determinante influencia neles é un feito que non compre esquecer.

    A escritura carolina ten a súa orixe no reino Franco, precisamente durante o mandato do emperador Carlomagno, propagándose rapidamente por todo o Occidente Cristián. É un alfabeto de orixe discutida, en todo caso derivado dos antigos sistemas romanos. As súas características principais son a grande intelixibilidade e a facilidade do trazo. Trátase, en suma, dunha escritura doada de ler e escribir, de aí o seu gran éxito e rápida propagación. Este sistema pervive hoxe en día nos actuais tipos de imprenta.

    Nos mosteiros cistercienses galegos nos séculos XII ó XIII practícase unha variante que ten sido chamada por algúns investigadores "littera cisterciensis", que se caracteriza por certa pesadez nos rasgos inda que sen perder a súa claridade.

    Dado que na España Cristián a letra carolina entra tardiamente (no século XII), atopámonos en todo momento cun modelo serodio que dalgún xeito anuncia a evolución ás novas formas góticas.

    Exemplo n. 2

    Exemplo n. 3

    Exemplo n. 4

    Exemplo n. 5


  • A ESCRITURA GÓTICA

    O ciclo gráfico gótico non supón unha ruptura co alfabeto carolino. Trátase máis ben dunha serie de tendencias -tamén procedentes de Francia- que, gradualmente, sen trocar a forma dos signos alfabéticos proporcionan un novo aspecto á escritura. Son típicos deste novo estilo: o contraste entre os rasgos grosos e os finos que provoca o aspecto anguloso das letras; os alzados e caídos das letras que se saen notablemente da liña da escritura; e o gusto por inclinar a escritura á esquerda. Nos documentos, estas tendencias dan impresión de axilidade e elegancia. Nos libros predominan, pola contra, a angulosidade, os contrastes e rixidez de formas.

    A escritura gótica galega comparada coa castelana presenta certas peculiaridades: maior tamaño das letras, menor tendencia a adosar unhas letras cas outras, alzados e caídos que se prolongan menos que en Castela. Todas estas características denotan certo arcaísmo nas formas, debido seguramente o aislamento xeográfico de Galicia e profundo arraigo do modelo carolino nestas terras.

    Coincidindo con este novo ciclo irrumpen as linguas romances no campo escriptorio. En Galicia, ó igual que no resto do reino castelán-leonés, este fenómeno se inicia a mediados do século XIII, no tempo de Afonso X o Sabio. Cara o 1280, a maioria da documentación de Galicia está xa redactada en galego; exceptúanse unicamente algúns escritos de carácter relixioso. Neste momento -a finais do século XIII- a escritura gótica documental ten evolucionado xa a formas cada vez máis cursivas que anuncian os novos modelos cortesáns e procesais.

    Exemplo n. 6

    Exemplo n. 7

    Exemplo n. 8


  • AS CORTESÁS E PROCESAIS

    Segundo as teorías paleográficas máis tradicionais, as escrituras cortesás e procesais pertencen ó ciclo gótico, dado que derivan del por evolución. Non obstante, a especificidade, variedade e volúmen destas escrituras permiten consideralas como un sistema diferenciado e con persoalidade propia en si mesmo. O arranque destas novas tendencias debe situarse nun tipo de escritura documental chanceleresca do século XIV chamado "albalá", variante moi cursiva e estilizada da gótica común castelán, que se caracteriza pola presencia -polo de agora escasa- de rasgos que envolven letras ou palabras.

    Exemplo n. 9

    A cortesá ten unha corta vida, se forma entre 1400 e 1425, sendo usada aproximadamente ó longo dun século. Utilízase sobre todo para documentación particular, tamén na chancelería castelán durante o mandato dos Reis Católicos. No último tercio do século XV é desplazada pola humanística no campo da documentación privada, e desaparece antes da primeira metade do século XVI.

    O mesmo arcaísmo que caracteriza á escritura gótica galega condicionará o desenrolo dos modelos cortesáns. Estes defínense, polo xeral, por unha tendencia á redondez das formas, disminución na lonxitude de alzados e caídos, e pola tendencia a pechar en bucles os alzados dos b, l, f, etc. É unha letra que gusta do dinamismo e a elegancia pero que en Galicia non logrará a plenitude dos rasgos casteláns. Mostrase aquí como unha escritura pesada e simple, que ben podería ser un intermedio entre as precortesás e as cortesás casteláns ou ben unha interpretación local destes modelos axenos.

    Exemplo n. 10

    Exemplo n. 11

    Exemplo n. 12

    Exemplo n. 13

    A escrituras procesais son, en realidade, o resultado de cursivizar ó máximo as cortesás. Nelas, a forma das letras se desfigura, multiplícanse os rasgos superfluos e os lazos envolventes, e as palabras se unen ou fracturan buscando a velocidade na escrituración. Nalgunhas ocasións a escritura chegará a presentarse como unha sucesión case que inintelixible de bucles e lazos.

    En Galicia, a procesal non presenta maiores peculiaridades respecto os sistemas empregados no reino de Castela xa que neste período o castelán sustitue ó galego como lingua documental e os profesionais da escritura adáptanse plenamente o modelo foráneo. Este ciclo escriptorio é longo, nace no século XV e está xa formado a fins da primeira metade da centuria; desde 1450 a procesal monopoliza as escrituras públicas casteláns (notarios, xulgados, audiencias, etc.). Na chancelería se usa para os rexistros e copias. Onde máis desenrolo tivo foi nos tribunais de xustiza: os procesos se escribían nesta letra, de aí o seu nome de procesal. Dura ata mediados do século XVII, experimentando certa evolución neste tempo: no último tercio do século XVI algúns notarios melloran a súa escritura pola influencia da humanística, mentres que outros empeoran o trazado orixinando a variante coñecida como procesal encadeada.

    Desde mediados do século XVII os notarios abandoan a procesal para incorporarse definitivamente á escritura humanística.

    Exemplo n. 13

    Exemplo n. 14


  • A ESCRITURA HUMANÍSTICA

    A escritura humanística é, en realidade, o redescubrimento da escritura carolina polos humanistas italianos. Abraiados da súa perfección, non dubidaron en atribuir esta escritura ós antigos clásicos e a adoptaron eles mesmos nos seus escritos. Os primeiros exemplos poden atoparse nos manuscritos de Petrarca. Na Península Ibérica, a humanística se recibe ó través do Reino de Aragón -que durante moito tempo mantivo estreitas relacións con Italia- e foi introducida polo emperador Carlos I na chancelería de Castela. Desde aquí pasará gradualmente ó ámbito particular , espallándose a tódolos niveis desde mediados do século XVII.

    Con diversas variantes, esta é a escritura manuscrita que se emprega hoxe en día.

    Exemplo n. 15


    Para máis información vd. Area de Ciencias e Técnicas Historiográficas da Universidade de Santiago de Compostela


    (c) M. Romaní Martínez; M. Vázquez Bertomeu. Area de CC. e Técnicas Historiográficas da USC. Maio, 1996