MONTSERRAT
VILLARINO PÉREZ
Profesora Titular de Xeografía Humana
Teléfono: (981)563100, ext. 12602. Fax: (981)582144.
Correo electrónico: xemontse@usc.es
Principais liñas de investigación:
-
Xeografía e Xénero. Esta
liña de investigación céntrase no ámbito rural
e ten como obxectivo principal analisar o traballo das mulleres, tanto
o reproductivo como o productivo. O primeiro dos campos de interés
céntrase no traballo das mulleres na agricultura,
establecendo relacións en función do tipo de explotación,
do destino da producción agraria ou de factores xeográficos,
sociais e xurídicos. Outros aspectos tratados neste campo son: contabilizar
a aportación das agricultoras á producción e ó
mantemento da explotación familiar; facer visible o seu traballo,
infravalorado nas estadísticas, e analisar as relacións de
xénero, xunto coas suas posibles transformacións. O segundo
dos ámbitos de estudio é a análise do grado
e forma de adaptación das mulleres rurais á globalización
económica, á reestructuración productiva e
ós cambios que, como consecuencia do anterior, estánse a
dar no medio rural dos países desenvolvidos. As estratexias familiares
para aumentar as rendas, a pluriactividade, conducen a que a poboación
femenina estexa cada vez mais presente en traballos alternativos/complementarios
ás tarefas agrarias; o turismo rural, o traballo industrial a domicilio,
o traballo na industria localizada no medio rural, están amosando
unha clara incorporación das mulleres ó mundo laboral, con
posibles cambios nas relacións de xénero. Este segundo campo
de estudio permite por en relación dúas escalas, a global
e a local, custión de grande interese metodolóxico. O feito
de pertencer a un Grupo de Investigación de Xeografía e Xénero
(con centro na Universidade Autónoma de Barcelona) permite establecer
comparacións entre distintos ámbitos rexionais, valorando
así a importancia do local na construcción do xénero.
-
Desenvolvemento rural. Esta liña
de investigación céntrase na análise do medio rural
galego, considerándoo no marco dun proceso de cambio, do mesmo xeito
que ocurre nas demais rexións rurais europeas con características
similares. Esta análise baséase, en primeiro lugar, no recoñecemento
territorial dende un ponto de vista socioeconómico; en segundo lugar,
na detección das disfuncionalidades e das avantaxes comparativas
de que dispón; e por último trata de establecer os obxectivos
e accións que leven a un (posible) desenvolvemento socioeconómico
do devandito territorio.