Emilio Quiñoá Cabana
Emilio Quiñoá, natural de Lugo (España), licenciouse en Química na Universidade de Santiago de Compostela (USC). En 1985 concluíu o seu doutorado sobre Produtos Naturais Mariños da Costa de Galicia na mesma Universidade baixo a dirección do Prof. Ricardo Riguera. Dende 1985 a 1988 efectuou unha estanza post-doutoral na Universidade de California, Santa Cruz (UCSC) co Prof. Phillip Crews, participando no estudo de metabolitos bioactivos de organismos mariños de augas tropicais. Regresou de novo á UCSC en 1989 como Visiting Associate Professor, ensinando en diversos cursos para Graduados.
De regreso á USC, en 1989 conseguiu unha praza como Profesor Titular e máis tarde como Catedrático de Química Orgánica (1998). É coautor de máis de cen publicacións científicas, varios libros de texto universitarios, 5 patentes, director dunhas 15 teses doutorais, tendo recibido diversos premios. Así mesmo, foi Director da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e do Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) e Asesor de Investigación da USC.
Despois de traballar no Desenvolvemento de Novos Métodos para a Determinación de Configuracións Absolutas por RMN, na última década, actualmente a súa investigación céntrase no estudo de Polímeros Dinámicos como Sensores e as súas Aplicacións en Nanotecnoloxía.