O ABANDONO DE TERRAS:
CONCEPTO TEÓRICO E CONSECUENCIAS

 

Eduardo Corbelle Rico / Rafael Crecente Maseda
Universidade de Santiago de Compostela

Recibido: 29 de outubro de 2007
Aceptado: 25 de setembro de 2008


Resumo: O abandono de terras e a conseguinte diminución da superficie utilizada pola agricultura constitúe un problema importante nun gran número de rexións da Unión Europea entre as que se atopa Galicia. A posta en marcha do Banco de Terras de Galicia no ano 2007 está dirixida a corrixir, dentro do posible, esta situación que enlaza cos elementos centrais da problemática do campo galego contemporáneo: a incidencia catastrófica dos incendios forestais, a redución e progresivo envellecemento da poboación rural e un ineficaz uso do territorio que dificulta a competitividade do sector agrario. Con todo, o propio concepto de abandono pode dar lugar a diferentes interpretacións, co que semella necesaria unha clarificación do termo. Neste contexto preséntase unha discusión sobre os conceptos teóricos máis importantes en relación co abandono de terras e achégase unha revisión da literatura científica existente sobre o tema. A maiores, o traballo pon a énfase no carácter multidimensional do problema e a necesidade de complementar os estudos de carácter exclusivamente económico con outros centrados na compoñente territorial do proceso.
Palabras clave: Abandono de terras / Banco de terras / SAU / Terra marxinal / Incendios.