A LEI DE AUGAS DE GALICIA:
UNHA NOVA ECONOMÍA DA AUGA?
Xoán
Ramón Doldán García* / Emilio Nogueira Moure**
*Universidade de Santiago de Compostela
**Economista/Posgraduado en Economía dos Recursos Naturais
e do Medio Ambiente
Recibido:
4
de marzo de 2011
Aceptado: 18 de marzo de 2011
Resumo: Este artigo fai unha análise do contido, obxectivos
e consecuencias da Lei de augas de Galicia aprobada no ano 2010. Esta Lei
é o principal instrumento co que contará o Goberno galego para
darlles resposta a aspectos complexos da xestión da auga, tales como
o abastecemento, o saneamento e a depuración das augas residuais, a
planificación hidrolóxica ou a protección das rías.
De acordo co principio europeo de quen contamina paga, esta Lei introduce
na lexislación galega o principio da recuperación do custo dos
servizos mediante a creación de dous novos tributos sobre o uso ou
consumo de auga. Formulacións teóricas e aplicacións
máis recentes nadas no campo da “nova economía da auga”
ou da “nova cultura da auga” introducen criterios de xestión
que conciben a auga como un activo ecosocial e non como un simple ben público
sometido a criterios de transacción mercantil, suxerindo un conxunto
de medidas para acadar un uso máis eficiente da auga, máis alá
das políticas de prezos. A finalidade deste artigo é verificar
en que medida a Lei galega incorpora –ou non– estes postulados.
Palabras clave: Lei de augas de Galicia / Nova economía
da auga / Xestión da auga / Directiva Marco da Auga / Activos ecosociais
/ Canon de saneamento / Coeficiente de vertido.