A NOVA GOBERNANZA ECONÓMICA NA UE:
AVANCES E CARENCIAS
Miguel Moltó
Calvo
Universidade de Alacante
Recibido:
5
de marzo de 2012
Aceptado: 7
de maio de 2012
Resumo: A crise financeira, económica e máis tarde
de débeda soberana afectou de modo especial á Unión Económica
e Monetaria (UEM). Para salvagardar o euro e facerlle fronte á crise
os Estados membros pertencentes á UEM seguiron un dobre enfoque: primeiro,
levar a cabo un proceso de consolidación fiscal, isto é, de
austeridade; e segundo, mellorar a gobernanza económica da UE. Con
respecto á austeridade, os países realizaron fortes axustes
reducindo gasto público e en moitos casos aumentando impostos. Esta
política tivo un efecto positivo sobre a disciplina orzamentaria, e
un efecto moi negativo sobre o crecemento e o emprego, que pode traducirse
nunha nova recesión no ano 2012. En relación coa gobernanza
económica, repásase a que existía antes da crise, poñendo
de manifesto os fallos na súa implementación. Posteriormente,
examínase o novo marco de gobernanza económica, que supón
a supervisión europea en tres ámbitos: o orzamentario, o macroeconómico
e o financeiro. Para levala a cabo establecéronse novos instrumentos,
algúns dos cales só afectan aos países da zona euro.
Este traballo mostra as carencias dalgúns deles. A nova gobernanza
económica supón un avance importante, pero non resolve os problemas
de fondo da UE e máis especificamente da zona euro. En efecto, non
se avanza na unión fiscal, non se crea un mecanismo de rescate con
dotación suficiente para facerlles fronte aos problemas que poidan
presentar países como Italia e España, non se avanza en converter
o Banco Central Europeo en prestamista en última instancia, e tampouco
non se creou un instrumento que permita a mutualización da débeda
pública dos países da zona euro. A solución para a zona
euro consistiría na cesión de soberanía por parte dos
Estados membros a un ministerio de finanzas que, entre outras funcións,
fose responsable do ámbito fiscal, da supervisión macroeconómica
e orzamentaria dos distintos países e da emisión de eurobonos.
Palabras clave: Gobernanza económica / UE / Novos
instrumentos / Avances / Carencias.