MERCADO DE TRABALLO, FORMACIÓN E EXCLUSIÓN SOCIAL:
ANÁLISE DA SITUACIÓN DA POBOACIÓN RECLUSA DE GALICIA


María Barreiro Gen / Isabel Novo Corti / María Ramil Díaz
Universidade da Coruña

Recibido: 15 de novembro de 2012
Aceptado: 4 de abril de 2013


Resumo: Aínda que a exclusión social pode proceder dunha única causa, existen colectivos cunha maior probabilidade de padecela porque se atopan en varias destas circunstancias á vez. A inclusión no mercado laboral é unha peza fundamental para evitala, xa que o desemprego pode conducir ao illamento e á pobreza. Cando esta situación se combina coa carencia dunha formación adecuada, que dificulta a consecución dun traballo, a saída da espiral que conduce á exclusión resulta máis complexa. Para a poboación reclusa, ademais da condena pola comisión dun acto delituoso, é frecuente atopar varios motivos que poden xerar exclusión, xeralmente vinculados ao delito cometido. Neste traballo analízase a situación das persoas que cumpren condena nos centros penitenciarios e de inserción social de Galicia (España) mediante unha análise cuantitativa centrada nas posibilidades de inclusión posterior da poboación reclusa a través das actitudes e aptitudes mostradas cara a algunhas cuestións clave. Esa actitude relaciónase co nivel de estudos e coa formación do individuo, así como coas redes sociais coas que conta ou coa súa propia consciencia da situación que está vivindo.
Palabras clave: Poboación reclusa / Emprego / Educación / Exclusión social.

 

Voltar ao sumario           Ir ao artigo