Na última edición do Concurso de bolsas de Doutoramento da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía do país luso, concedéronse 5 becas a alumnas orientadas por investigadores do CIEC (Centro em Estudos da Criança) da Universidade do Minho (Portugal). Unha destas alumnas foi Sara Sarroeira, cuxa tese de doutoramento titulada “Relaxar: estudo dos efeitos de uma intervenção em contexto escolar” está dirixida pola profesora Beatriz Pereira (Universidade do Minho) e polo profesor Geno Rodríguez (Universidade de Santiago de Compostela).
Esta tese de doutoramento, desenvolvida no ámbito do Programa de Doutoramento en Estudos da Criança, na especialidade de Educación Física e saúde infantil pretende avaliar os efectos dunha intervención lúdica baseada en métodos de relaxación, no benestar do alumnado de preescolar e no 1º ciclo de escolaridade, tendo en conta o referencial teórico do benestar infantil, o xogo e a relaxación nos primeiros anos de vida de nenos e nenas. Así mesmo, busca reforzar a idea da contribución positiva do xogo e dos métodos de relaxación na promoción da saúde dos cativos e establecer un programa lúdico de intervención en relaxación no medio escolar, focalizando a importancia da escola como un lugar de promoción da saúde.