Novas do GI Esculca

O GI Esculca promove a institucionalización da ApS en Cabo Verde

4 Xuño 2024
Categorías: Breves | Novas

A pasada semana o coordinador do GI-Esculca, Miguel A. Santos Rego e o profesor Alexandre Sotelino Losada, visitaron Cabo Verde para desenvolver diferentes accións en favor da institucionalización da aprendizaxe-servizo no país.

Estas iniciativas están enmarcadas no proxecto  “Aprendizaxe-Servizo e Cooperación para o Desenvolvemento. Formando para a Cidadanía Global” do cal é IP o profesor Sotelino. 

Deste xeito, mantivéronse reunións co equipo reitoral da Universidade de Cabo Verde encabezado polo seu titular, e tamén se visitou o Ministerio de Educaçao do Goberno de Cabo Verde onde a delegación da USC foi recibida polo secretario de estado para o ensino superior. Asemade, organizouse un seminario no que se expuxeron os diferentes proxectos que se están a desenvolver na UNICV e na cal puideron intervir docentes, estudantes e entidades sociais.