Co novo curso que xa está a comezar, a Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural comeza tamén a súa actividade. Esta iniciativa, que pretende utilizar a Aprendizaxe-Servizo como punto de unión entre a universidade e a sociedade civil do medio rural, arrancou o pasado curso co diálogo entre colectivos e profesorado.
Os proxectos de Aprendizaxe-Servizo, que son o corazón da comunidade, persiguen os seguintes obxectivos:
- Traballar polo sentido da educación aquí e agora e en conexión aos retos do medio rural e a sustentabilidade.
- Aportar enerxía e creatividade ás alternativas de vida e xestión de recursos no medio rural
- Democratizar a creación de coñecemento poñendo en diálogo saberes locais con saberes académicos
Algúns xa están en marcha, mais como seguinte paso apuntamos ao seguinte 26 de novembro, cando terá lugar un encontro tranfronteirizo e onde estudantes, profesorado e colectivos poderán crear novos vínculos e ideas.