O proxecto “A educación ten faciana de Muller” circunscríbese a materia de “Teoría e Historia da Educación Escolar” na que o alumnado realiza unha viaxe desde as principais figuras pedagóxicas da ilustración ata as/os referentes contemporáneos. Con todo, a pesar de que na actualidade a historiografía galega é basta, a atención as mulleres que contribuíron a sentar as bases do fenómeno educativo é aínda escasa. Referímonos a mestras e/ou, pedagogas no eido da educación en Galicia, que son absolutas descoñecidas para a maioría do alumnado, pese a que o ensino en particular e a educación en xeral son espazos tradicional e estéreo tipicamente asignados as mulleres. Neste sentido, o proxecto non só trata de comprometerse con esta realidade, senón que vai mais aló, dá resposta á unha necesidade social e educativa: educar dende perspectiva de xénero (ODS 5). Deconstruír a pegada androcéntrica neste eido é unha necesidade que se estende máis alá da propia materia, sendo necesaria dunha maneira transversal nas titulacións educativas, que seguen rexidas por referentes masculinos.
Desta maneira, a materialización desta proposta deriva na elaboración de pósteres por parte do alumnado da materia. Nestes pósteres se abordan a mulleres referentes da educación na nosa contorna mais próxima, xa que, tampouco en Galicia a historia foi xenerosa coas mulleres.
A inauguración da exposición dos traballos do alumnado circunscrita ao proxecto “A educación ten faciana de Muller”, terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación (Edificio Xoán XXIII – Campus Norte) o vindeiro mércores día 14 de decembro as 16:00h. Esta exposición está financiada pola Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación (USC).