A profesora do GI ESCULCA, Iris Estévez, comezou a colaborar na segunda edición do “Programa Mentor A203 – Trabajando mano a mano para mejorar: tutorías individualizadas” basado nas palancas do Catálogo PROA + (Dirección General de Bilingüismo y Calidad de la Enseñanza-Subdirección General de Programas de Innovación y Formación del Profesorado), en calidade de conferenciante en diferentes webinars e cursos formativos que se desenvolven dende este mes de febreiro ata o mes de maio que remata o periodo formativo do profesorado de secundaria, bacharelato e FP.
O obxectivo da actividade palanca é, de forma global, deseñar, aplicar e avaliar un plan de atención persoal do alumnado en situación de vulnerabilidade para mellorar o seu benestar emocional, os resultados académicos e, por outra banda, reducir as tasas de fracaso, de absentismo e de abandono escolar prematuro. Deste xeito, a meta principal deste proceso de formación continua obedece ó desenvolvemento de coñecementos, destrezas e actitudes por parte do profesorado (da etapa de Educación Secundaria, Bachillerato e FP) titor-individual para a elaboración dunha proposta contextualizada (que responda ás características do centro e do alumnado participante) da actividade palanca e a implementación exitosa de dita proposta.