O pasado mércores 29 de maio o alumnado de Dobre Grao en Mestre/a de Educación Infantil e Educación Primaria participou na proba piloto do xogo “Come San, Come Sostible”, un recurso educativo para alumnado de Educación Primaria que están desenvolvendo membros do Grupo de Investigación BIOGROUP e do Grupo de Investigación ESCULCA da Facultade de Ciencias da Educación, ambos da Universidade de Santiago de Compostela.
A actividade estivo dirixida polo profesor Gumersindo Feijóo Costa (profesor do Centro Singular CRETUS) e por profesorado da Facultade de Ciencias da Educación e membros do GI Esculca, Mar Lorenzo, Javier Rico, Geno Rodríguez, Jesús García e Julia Crespo.
Este recurso educativo, en fase de experimentación, daralle a oportunidade ao alumnado de Educación Primaria de ser consciente da importancia que teñen as súas accións para o coidado da súa saúde e, ao mesmo tempo, da protección do medio ambiente e o desenvolvemento sostible. A pegada de carbono e a pegada hídrica dos 62 alimentos máis consumidos en España no ano 2023, así como o coñecemento dos principais grupos nutricionais que compoñen unha dieta equilibrada son algúns dos segredos que agocha este xogo de “Come San, Come Sostible”.
Proba piloto do xogo “Come San, Come Sostible”
31 Maio 2024Categorías: Novas