Proxectos de innovación educativa en aprendizaxe-servizo

Proxecto Hermes

Inclusión, educación e pedagoxía dende a raíz

A finalidade deste proxecto baséase, en primeira instancia, en que parte do alumnado da materia de Diversidade e Escola Inclusiva do Grado de Mestre/a de Ed. Primaria e Dobre Grado de Mestre/a en Ed. Infantil e Primaria desenvolvan unha práctica educativa de Aprendizaxe-Servizo  no marco dunha institución educativa que traballe de forma específica coa diversidade funcional (neste caso, o CEE Manuel López Navalón). Asemade, o obxectivo de cara á comunidade é poñer en valor a entidades, asociacións e centros que traballan en prol da inserción sociolaboral de persoas con discapacidade. Concretamente, nesta primeira edición, traballamos tamén con asociacións que promoven a artesanía como unha vía de empregabilidade e socialización entre os/as seus/as usuarios/as.

A educación ten faciana de muller

O proxecto “A educación ten faciana de muller” nace como resposta subversiva á pegada androcéntrica aínda fortemente arraigada na educación. Forma parte do traballo desenvolto na materia “Teoría e Historia da Educación Escolar” e pretende facer visibles a mestras, pedagogas e mulleres no eido da educación en Galicia, que son absolutas descoñecidas para a maioría do alumnado, pese a constituír un espazo tradicional e estereotipicamente asignado ás mulleres como é a educación. Neste senso, o proxecto non só trata de comprometerse con esta realidade, senón que vai mais aló, dá resposta á unha necesidade social e educativa: educar dende perspectiva de xénero (ODS 5). En definitiva, o proxecto pon o foco nas educadoras que, a pesar de vivir no ostracismo social e cultural, formaron parte da historia da educación.

Grupos e contextos pedagóxicos

Desenvolvendo técnicas en espazos reais

 O proxecto céntrase na posta en práctica de estratexias en diferentes contextos que apoian o desenvolvemento dos grupos nas diversas fases polas que transitan. Enmarcado na materia “Técnicas de Educación e Formación en Grupo”, situada no 3º curso do Grao de Pedagoxía, este proxecto trata de dar resposta ás necesidades intra e intergrupais que se presentan nas entidades participantes. A través do deseño, implementación e avaliación de técnicas contextualizadas, o alumnado de Pedagoxía participa nun Proxecto de ApS no que vincula as competencias da materia co servizo á comunidade.

Proxecto PEINAS

Proxecto Pedagoxía Intercultural e Aprendizaxe-Servizo

O obxectivo xeral do proxecto PEINAS é que algúns dos alumnos da materia de Pedagoxía Intercultural situada no 2º Cuadrimestre do 2º Ano do Grao en Pedagoxía, podan desenvolver unha acción de Aprendizaxe-Servizo no marco dunha entidade que xestione a diversidade cultural. Estas organizacións son de diferente índole e atópanse repartidas por todo o territorio galego, polo que o servizo diversifícase en función de necesidades concretas.

Proxecto EXCORAS

Aprendizaxe experiencial a través do movemento na Educación Infantil

O Proxecto Excoras é un plan de traballo e formación do alumnado de 3º curso do Grao en Mestre/a de Educación Infantil, orientado á diversificación de contido en entidades de carácter social para nenos e nenas dos 3 aos 6 anos, mediante a realización de actividades baseadas na motricidade infantil (desenvolvemento das capacidades perceptivo-motrices e das habilidades motrices básicas) e na expresión corporal (linguaxe corporal, comunicación non verbal e creatividade a través do movemento).

Maestr@s + Educador@s

Construíndo a historia da educación en Galicia

O obxectivo deste proxecto é poñer en valor a traxectoria de educadores e educadoras que ao longo da historia de Galicia contribuiron a poñer os alicerces para unha cidadanía máis crítica e participativa.

Este proxecto enmárcase na matería de Teoría e Historia da Educación Escolar do Grao en Mestre de Educación Primaria da Universidade de Santiago de Compostela.

Parques infantís

Observando os parques infantís da cidade de Santiago de Compostela

O profesorado da Facultade de Educación (e tamén do GI ESCULCA) aplica un ApS con alumnado das materias de Xogo Infantil (4º curso) e Organización e Xestión do Centro Escolar (2º curso) cun dobre propósito:

  • Realizar unha observación da variable espacial dos parques infantís da cidade de Santiago de Compostela, analizando aspectos como a ubicación, accesibilidade, seguridade, estado de conservación e tipoloxía dos espazos.
  • Observar a tipoloxía de actividades e condutas derivadas do uso destes espazos por nenos e nenas.
Aprender a aprender cos deberes

O obxectivo do proxecto é promover unha práctica reflexiva do estudantado participante. Ao fornecer contextos reais de educación a nenas e nenos con dificultades no estudio, estase a formular unha experiencia de educación na acción. Non só como práctica docente de aula, senón no seguimento individual dos camiños de aprendizaxe de cada unha das persoas beneficiadas, o que permitirá que se poida reflexionar sobre a ensino-aprendizaxe de preto.

Arredor do rural

Comunidade de accións e saberes arredor do rural

A Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural abrangue proxectos de innovación docente que combinan a utilización da Aprendizaxe-Servizo con iniciativas de innovación e emprendemento social nos contextos rurais. Constitúese nunha ponte entre profesorado universitario e o tecido de asociacións e cooperativas que se atopa neste.

As sinerxías buscan servir traballar no marco da crise ecosocial para construír futuros no medio rural sustentables e xustos, actuando na territorialización da educación, a cohesión paisaxe-comunidade e o coidado do territorio.