Unidade de Dislexia

Presentación

A Unidade de Investigación e Intervención en  Dislexia ‒UIID‒ nace no Grupo de Investigación  Esculca, da Facultade de Ciencias da Educación, ante o baleiro existente sobre centros especializados na investigación e intervención deste trastorno en España. Con ela preténdese aumentar a conciencia sobre a  dislexia e a súa natureza, fomentar e difundir a investigación sobre este trastorno e outras dificultades específicas da aprendizaxe e ofrecer un servizo á sociedade, tanto no asesoramento e formación de profesionais da educación como na atención ás necesidades educativas de escolares con este trastorno.

Recentemente, estreou unha canle de YouTube “Triunfar con Dislexia”, na que semanalmente compartirase información sobre esta temática.

Vídeo 1TRIUNFAR CON DISLEXIA

Vídeo 2¿QUÉ ES Y QUÉ NO ES LA DISLEXIA?

Vídeo 3DETECCIÓN PRECOZ (I)

Xustificación do servizo

A dislexia é unha das dificultades específicas da aprendizaxe máis frecuente e unha das causas do abandono escolar prematuro. Os nenos que sofren este trastorno teñen importantes dificultades para adquirir o código escrito, unha das habilidades básicas ou instrumentais para a ensino-aprendizaxe de todas as materias escolares. Desde a UIID preténdese axudar a estes escolares para desenvolver a súa competencia en lectura e escritura, deseñando e implementando programas adaptados ás diferenzas individuais de cada caso para que poidan aprender de maneira eficaz.

Ademais, desta atención personalizada ao neno disléxico, desde a UIID perseguimos sensibilizar e formar aos profesionais da comunidade educativa (especialmente, profesores, orientadores e alumnos da Facultade de Ciencias da Educación) para que sexan capaces de detectar precozmente as dificultades destes escolares e de utilizar as técnicas e instrumentos de avaliación para realizar un bo diagnóstico psicopedagóxico. Así mesmo, esta liña de formación pretende preparar a estes profesionais para que sexan competentes na adopción das decisións oportunas e na adaptación do ensino ás necesidades individuais de cada un dos escolares, proporcionándolles as axudas e apoios indispensables para compensar as carencias e desvantaxes de tipo persoal.

Unha terceira liña de intervención desde a UIID é o asesoramento a familias que teñen un fillo con este trastorno, xa que moitas veces cando o seu fillo é diagnosticado como tal descoñecen as características do mesmo, vense invadidos por unha mestura de sentimentos ‒negación, temor, culpabilidade…‒ e non saben como actuar. Desde a UIID pretendemos ofrecerlles información actualizada sobre esta problemática, orientacións para afrontar mellor este reto e ferramentas para axudar ao seu fillo a superar as súas dificultades.

Finalmente, desde a UIID pretendemos promover a investigación e a transferencia de coñecemento tanto na natureza da dislexia como no diagnóstico e tratamento das persoas que sofren este trastorno.

Descrición do servizo

A UIID pretende ofrecer os seguintes servizos: 

5

Avaliación e diagnóstico psicopedagóxico

5

Orientación a familias

5

Proxectos de investigación e contratos coa administración

5

Elaboración de informes psicopedagóxicos

5

Formación de alumnos da Fac. de CC. da Educación

5

Intervención educativa

5

Profesionalización de educadores

Xestión do servizo

Avaliación e diagnóstico psicopedagóxico

O proceso de avaliación e diagnóstico psicopedagóxico levarase a cabo en 5 ou 6 sesións dunha hora. Na primeira sesión realízase unha recollida de datos de carácter contextual a partir dunha entrevista clínica. Nas seguintes sesións aplícanse probas psicométricas estandarizadas e baremadas sobre o nivel de desenvolvemento dos diferentes procesos neurocognitivos implicados na aprendizaxe, así como das habilidades instrumentais en linguaxe escrita e matemáticas.

Elaboración de informes psicopedagóxicos

A elaboración de informes psicopedagóxicos poderase levar a cabo en dous momentos puntuais: despois da finalización do proceso de avaliación diagnóstica, no cal se explicarán os resultados obtidos, o diagnóstico e as pautas de intervención para a familia e o centro escolar, ou unha vez finalizado o programa de intervención, no que se farán constar os logros alcanzados despois da recuperación.

Intervención educativa

A intervención educativa consiste nun ensino individualizado e especializado na linguaxe escrita e/ou matemáticas para recuperar as necesidades educativas especiais do escolar disléxico ou con dificultades especificas da aprendizaxe. Esta intervención poderá levarse a cabo en sesións individualizadas ou en grupos reducidos de 2 a 4 persoas, agrupados en función da idade e o tipo de dificultades.

Orientación a familias

A orientación a familias consiste en sesións informativas para pais con nenos con dislexia ou dificultades específicas da aprendizaxe, cuxo obxectivo é achegarlles a formación e as ferramentas necesarias para axudar aos seus fillos a superar as súas dificultades.

Formación de alumnos da Facultade de Ciencias da Educación

A formación de alumnos da Facultade de Ciencias da Educación levarase a cabo a través das materias do practicum, permitíndolles participar nas diferentes actividades que se levan a cabo na UIID.

Profesionalización de educadores

A profesionalización de educadores levarase a cabo a través de cursos, xornadas, seminarios, conferencias… sobre aspectos relacionados coa natureza, o diagnóstico e a intervención en dislexia e outras dificultades específicas da aprendizaxe.

Proxectos de investigación e contratos coa administración

Desde a UIID preténdese solicitar proxectos de investigación relacionados coa dislexia e outras dificultades específicas da aprendizaxe tanto en convocatorias públicas como en entidades privadas. Así mesmo, poderase levar a cabo contratos coa administración para a detección das dificultades de aprendizaxe, formación de profesionais, elaboración de informes, realización de protocolos de intervención, etc.