O vindeiro 5 de decembro a Cátedra Juana de Vega da USC organiza no campus Terra de Lugo, en colaboración co GI ESCULCA, a xornada para fomentar a colaboración entre a universidade e as iniciativas para a sustentabilidade e a xustiza no noso medio rural. Baixo o título “Arredor do Rural, aprendizaxes dende as voces das mulleres” levarase a cabo un día de actividades focalizadas no recoñecemento da labor pola innovación social no rural feita polo emprendemento das mulleres que o habitan, e pensada para promover a creación de sinerxías e a facilitación da colaboración con profesorado e estudantado unviersitario.
Este evento xorde da colaboración entre a Cátedra Juana de Vega, destinada ó estudo e desenvolvemento de actividades sobre o papel das mulleres na economía e sociedade galega e no seu proceso de modernización, e o colectivo interdisciplinar Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, formado por persoal universitario, estudantado e profesionais e activistas do medio rural, que levan tempo a promover a colaboración entre academia e medio rural a través de prácticas docentes e de investigación que difuminen os muros entre contextos e territorialicen o coñecemento.
Iniciarase a mañá na Escola Politécnica Superior de Enxeñería ás 10:30 cas palestras das profesoras Mar Perez Fra e e Elena Freire Paz, para logo ter unha sesión de microconversatorios entre os proxectos asistentes, dando espazo para o coñecemento mutuo e o fervedoiro de ideas.
A cooperativa A Carqueixa dos Ancares proporcionará o xantar na Facultade de Humanidade, de maneira que poida seguir a conversa informal.
Na tarde haberá unha feira na que diferentes organizacións poidan amosar o seu traballo a partir das 15:30, para logo deixar paso ó faladoiro entre experiencias de emprendemento socioeducativo, na que participarán as cooperativas Arabías, Amarelante, a asociación Darredor, o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e a asociación de productoras Eo Alimenta. Un faladoiro que será gravado en formato podcast para ampliar o seu alcance. Rematarase o encontro ás 19:00 tentando elaborar unhas conclusións comúns”.