Dende o Grupo ESCULCA, as profesoras Patricia Ruido e Bibiana Regueiro co soporte da Comisión de Cultura e Normalización Lingüistica da Facultade, organizan o vindeiro 5 de abril a Xornada “#RompamosOSilencio. Por unha infancia libre de violencias: detección e intervención en caso de sospeita de abuso sexual a menores”. Esta actividade exponse como un espazo pedagóxico de debate reflexivo ao redor das múltiples formas de violencia contra as/os menores. Nesta edición, en concreto, abordarase a problemática dos abusos sexuais na infancia (ASI). A través dunha conferencia-taller preténdese crear un espazo de reflexión e aprendizaxe ao redor dos abusos sexuais na infancia que permita as e os participantes recoñecer os sinais de alerta nas vítimas e incorporar as habilidades e estratexias fundamentais para a detección e a intervención nos casos de sospeita de abuso sexual.
A actividade terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) entre as 16:00 e as 18:00 h.
As inscripcións estarán abertas dende o 21 de marzo ás 10:00h ata o 4 de abril ás 14:00h. Dadas as restricións de aforo o acceso será limitado, e a selección farase por orde de inscrición.