|
Pasa a folla Materiais de/para os ENDL Ao longo do mes que acaba, os equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) dos centros de ensino non-universitario de Galicia acadaron, a través da súa Coordinadora, un protagonismo que nunca buscaron. A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de presentar un espazo web destinado, precisamente, a difundir as actividades dos ENDL. Com xa estamos en período prevacacional propoñémosvos un «Pasa a folla» máis lixeiro pero non menos interesante: un paseo por este web, que nos permitirá facérmonos unha idea máis cabal da actividade cotiá desenvolvida por estas entidades, tan semellantes por concepción e obxectivos ás comisións de normalización lingüística existentes en moitos centros da USC. O obxectivo declarado da iniciativa é «difundir experiencias dinamizadoras de carácter transversal levadas a cabo polos ENDL», co fin de que estes compartan información e recursos que poidan ser adaptados e reutilizados en diferentes contextos educativos. Para iso, deseñouse un sitio que agrupa a información nas seguintes categorías: Recursos didácticos, Revistas e boletíns dos centros, Blogues de interese, Iniciativas para as familias, Dinamización do contorno, Audiovisuais, Concursos dos centros, Aulas virtuais na rede e Proxectos premiados. Amais, é posible accecer de forma directa a información sobre Premios, Formación, Axudas ou Bibliografía. Tendo en conta o obxectivo apuntado, sorpréndenos especialmente que se opte por unha concepción unidireccional en que é a Administración quen establece que iniciativas se recollen e difunden, mentres que aos membros dos ENDL, á vez destinatarios e creadores de contidos, non se lles dá voz ningunha, nin para engadir por si mesmos novos materiais nin para opinaren sobre os xa incluídos. En efecto, por sorprendente que pareza, este espazo non emprega ningunha das ferramentas da web 2.0. Non parece haber forma de engadir comentarios dobre os recursos ou experiencias que se recomendan, algo que sería altamente enriquecedor para o propio web, pois podería fornecer informacións moi valiosas sobre os puntos febles e fortes detectados na súa execución sobre o terreo. Pero é que tampouco fomos quen de atopar un enderezo electrónico ao que dirixirse para propoñer a inclusión dunha nova iniciativa, salvo que se entenda que os destinados para tal fin son os das coordinacións provinciais dos ENDL. A este problema de concepción de fondo cabe engadir tamén outros relacionados coa presentación e a organización dos recursos e materiais que se ofrecen. Sorprende, por exemplo, que dentro de cada unha das categorías os materiais parezan referenciados sen ningún tipo de clasificación temática, por moi xenérica que fose. Ou tamén, que non haxa unha mínima descrición de cada un deles, que nos achegue datos básicos como soporte, obxectivo, destinatarios... O único que temos é un título –que unhas veces é descritivo e outras non– e unha ligazón. A ausencia desta clasificación interna explica tamén que non se ofreza un buscador interno, que nos permitise acceder ás diferentes iniciativas clasificadas en función dalgún dos criterios que acabamos de apuntar. Todos estes problemas de xestión da información poden parecer leves mentres o número de materiais recollidos sexa tan reducido como ata o momento. Pero a medida que o volume de información vaia aumentando, os problemas para a súa xestión e organización, e para o acceso a ela por parte dos usuarios. En resumo, estamos perante unha iniciativa interesante, que pretende que os ENDL coñezan mellor as iniciativas que os seus compañeiros están levando a cabo noutros centros do país, pero que precisaría importantes melloras para poder cumprir plenamente o seu cometido. |