Voltar

Pasa a folla

Pescando na Rede

N’O Cartafol de febreiro dedicamos o “Pasa a folla” a comentar o catálogo de publicacións electrónicas do Sergas, e neste número imos facer algo semellante con outro sitio institucional no que tamén se almacena información que pode sernos de interese. Trátase de Pescagalicia, un web xestionado e mantido pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.


Este sitio organízase en dúas grandes áreas: a Plataforma Tecnolóxica da Pesca, que ofrece información orientada principalmente cara aos profesionais do sector (rexistro de buques, prezos de venda do peixe, información meteorolóxica…) e o Portal Galego de Formación Pesqueira, que se orienta a un público máis xeral, aínda que recolle tamén boa parte da información especializada que podiamos atopar na Plataforma Tecnolóxica.


Nesta segunda área é onde podemos atopar a información máis interesante para un público coma nós. Así, no Centro de recursos podemos atopar, desde unha sección dirixida á infancia –Pescalandia– ata unha biblioteca de obras técnicas e lexislativas. Pero é o Centro de Documentación quen se vai converter no obxecto prioritario da nosa atención, fundamentalmente polos materiais de carácter divulgativo incluídos na Guía do consumidor de peixe fresco e na Documentación en formato texto.


Na primeira ofrécense unha serie de informacións e consellos útiles para o consumidor, que se completan cunha ampla Guía de especies na que se inclúen ben máis de un cento de especies de peixes, crustáceos, equinodermos, moluscos e algas. Para cada unha delas preséntase unha imaxe que facilita a identificación, indícase o seu nome científico, galego e en varias das linguas veciñas, as tallas mínimas, a forma de captura e os meses en que esta está permitida; e finalmente, as formas de presentación comercial e algúns consellos sobre a súa preparación.


A sección de Documentación recolle tanto fontes en galego como en castelán, en xeral concibidas desde un punto de vista divulgativo. Basicamente podemos distinguir tres tipos de traballos:



  1. Os dirixidos á formación dos profesionais en cuestións puramente técnicas (“Manipular peixe: as bases dun bo traballo”, “Manual de formación para o marisqueo”, “Aulas de acuicultura”…) e de seguridade (“Seguridade –marisqueo a pé–”, “Seguridade –marisqueo percebe–”…)
  2. Os que buscan sensibilizar arredor de temas como as boas prácticas ou a pesca responsable, tanto a profesionais (“A pesca responsable na baixura”, “Código de conduta para a pesca responsable”…) como no ámbito escolar (“A vida no mar salgado”).
  3. Os que teñen unha vocación máis científica, sen perder de todo a perspectiva divulgativa. Ocúpanse de áreas moi próximas á etnografía, como os tipos de embarcacións e artes tradicionais (“Dípticos de embarcacións tradicionais”, Historia da pesca, Artes e aparellos de pesca) ou as marcas dos mariñeiros (As marcas dos mariñeiros da Guarda); pero tamén de cuestións de xeoloxía (Xeoloxía e formación do litoral galego), bioloxía (Flora e fauna do litoral galego) ou ecoloxía (Observación ambiental do litoral galego).



Imprimir