Febreiro do 2006
   Visita os números anteriores
Buscas


01/03/06 Cursos para non galegofalantes

07/03/06 Cursos de iniciación e perfeccionamento

13/03/06 Ferramentas informáticas para a lingua

13/03/06 Adaptación ao cambio normativo

15/03/06 Bioloxía: Presentación dos II Premios á calidade

08/03/06 Económicas: Presentación dos II Premios á calidade

21/07/06 Premios á calidade lingüística nos traballos académicos




O catálogo de publicacións do Sergas






 


Pasa a folla

O catálogo de publicacións do Sergas

Unha queixa común entre os profesionais que intentan desenvolver en galego o seu labor –especialmente entre aqueles que traballan en ámbitos especializados– é a escasa cantidade de documentación técnica á que se pode acceder nesta lingua. Recoñecer que iso é verdade non é máis ca confirmar o evidente, pero non é menos certo que case sempre a cantidade de documentación técnica existente é maior do que moitos de nós pensamos, aínda que pola razón que sexa, esta non é coñecida polos seus usuarios potenciais.


Por iso, é frecuente atoparmos arcas do tesouro de forma totalmente casual. Unha das últimas coas que nós demos foi o catálogo de publicacións do Sergas. Trátase dunha compilación de máis de 1200 referencias de todo tipo de materiais relacionados co ámbito sanitario (desde calendarios e cartaces ata manuais ou catálogos de produtos farmacéuticos), agrupados en 15 categorías: Atención primaria, Atención especializada, Prevención de riscos laborais, Urxencias sanitarias, Saúde mental, Farmacia, Información sanitaria, Planificación sanitaria, Saúde pública, Drogodependencias, Sociosanitario, Normativa, Publicacións periódicas, Contidos diversos e Servizos sociais.


A maior parte deste fondo documental está redactado en galego (aínda que sorprende a súa exclusión case sistemática nalgunha das liñas de publicacións, como as promovidas pola Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia) e pode consultarse e descargarse a través de Internet.


Evidentemente, non é este o lugar de facer unha descrición detallada das características deste catálogo –cando ademais calquera pode velo e opinar por si mesmo–, pero si nos parece interesante anotar algunhas das principais tipoloxías de traballos que atopamos na nosa “exploración”:


– Unha parte dese material é documentación especializada dirixida a profesionais das diferentes áreas, como a atención primaria (realización de cirurxías menores, tratamentos da diabete, da hipertensión, información sobre anticoncepción…), a atención especializada (cancro de mama, hipoacusia neonatal…), a farmacia, a enfermaría, etc.
– Tamén se pode atopar documentación cun certo grao de especialización dirixido á cidadanía en xeral, fundamentalmente centrado en temática de primeiros auxilios e en temas de saúde pública relacionados co tabaquismo ou as drogodependencias.
– Outro gran volume de documentos busca ofrecerlle ao público en xeral información básica sobre doenzas comúns (doenza celíaca, a menopausa, o alzheimer…) ou sobre graves problemas de saúde pública (drogodependencias).
– Finalmente, parte dos materiais versan sobre cuestións puramente administrativas e de xestión (memorias de actividade, enquisas de calidade, publicidade de novos servizos ou instalacións…), o que probablemente os vai converter nos menos interesantes para os lectores alleos ao Sergas ou á Administración sanitaria.


Como vedes, poñémosvos diante unha arca chea de información ben diversa, na que todo o mundo pode atopar algo que lle resulte interesante. Só hai que entrar a remexer.



Imprimir

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es