|
Pasa a folla O Herbario SANT Un herbario é unha colección científica de espécimes vexetais, desecados e tratados co obxectivo de preservalos por tempo indefinido, que se acompañan de información técnica relevante (nome científico, características da planta viva, punto de recollida…). Todo ese conxunto documental é básico para a realización de traballos de investigación botánica e ecolóxica. A Universidade de Santiago de Compostela conta desde o ano 1945 cun herbario –o Herbario SANT–, no cal se inclúen máis de 100.000 exemplares de plantas, clasificadas en catro coleccións diferentes. Desde hai varios anos, os fondos informatizados das dúas máis importantes pódense consultar a través de Internet. Pero ademais, todo ese material ten un gran potencial educativo, que os responsables do Herbario intentan explotar abrindo un acceso virtual permanente ás distintas coleccións. Como primeiro paso, co gallo da Semana da Ciencia 2008 inaugurouse a exposición virtual «A flora galega en internet: coleccións botánicas do Herbario SANT», centrada na presentación e descrición de fentos e plantas con flores que medran espontaneamente no medio natural galego. Para facilitarnos aos non-especialistas unha consulta máis intuitiva, as especies non se agrupan por criterios taxonómicos, senón por tipos de hábitat. Deste xeito, podemos descubrir dunha única ollada –e dicimos ollada porque cada ficha inclúe unha imaxe da especie– as máis relevantes dos ecosistemas dunares, os cantís, as marismas, brañas, bosques de diversos tipos, etc. Con todo o dito, queda clara a utilidade que este material ten para os especialistas en botánica. Pero non só para eles. Os interesados pola lingua galega tamén podemos atopar aquí información moi relevante, como algúns dos nomes populares galegos* polos que cada especie é coñecida. Pero, ademais, podemos contribuír a enriquecer a información que alí se ofrece, achegando denominacións galegas aínda non indicadas, ou usos populares que se lle dan a cada unha das especies. Así que, botánicos, ecólogos, filólogos, antropólogos e outros estudosos: xa sabedes onde tedes un recurso que vos vai interesar! * En concreto, estes tíranse do volume «Nomenclatura vernácula da flora vascular galega». |