|
Pasa a folla Compilación de lexislación lingüistica Hai pouco máis de un ano dedicamos un destes textos a comentar o daquela novo web da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Neste intervalo de tempo os seus contidos foron medrando e diversificándose, así que hoxe queremos volver achegarnos a el para presentarvos unha das súas páxinas: unha compilación da lexislación que afecta o estatus xurídico da lingua galega e aos dereitos dos seus falantes. A idea de utilizar a web como soporte dunha iniciativa coma este só pode recibir parabéns, pois permite ir incorporando de forma inmediata todas as novidades que se vaian producindo, tanto por aparición de novos textos lexislativos como por modificacións puntuais dos xa existentes. Experiencias anteriores baseadas na edición en papel amosaron que ese formato non é acaído para divulgar este tipo de contidos, principalmente a causa pola rápida caducidade da información alí recollida e da práctica imposibilidade de actualizala en pouco tempo e con custos razoables. Ao accedermos á páxina, o que atopamos é unha relación de textos lexislativos* agrupados en función do seu carácter (Lexislación de carácter internacional, Lexislación de carácter estatal, Lexislación sobre o galego na Comunidade Autónoma Galega) completada cun anexo informativo sobre «O galego en Europa». Pero nin os criterios de agrupación, nin os títulos elixidos para as distintas epígrafes son todo o ilustrativos que deberían á hora de orientar ao usuario na busca dun documento concreto. Intentaremos velo cun exemplo. Dentro do apartado «Lexislación de carácter estatal» sería esperable atopar textos emitidos polos órganos lexislativos ou executivos do Goberno do Estado. Pero ademais de varios que cumpren estas características (Constitución, Lei orgánica reguladora do dereito de petición…) aparecen regulamentos emitidos polas administracións autonómicas de Estremadura e Castela e León, que moi dificilmente poderían entenderse como «lexislación estatal». E pola contra, leis que si teñen claramente un alcance estatal aparecen dentro da epígrafe «Lexislación sobre o galego na Comunidade Autónoma Galega», como lle acontece á Lei orgánica do Estatuto de Autonomía para Galicia, á Lei de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, ou á Lei de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común. Parece, xa que logo, que sería preferible manter claramente separados os criterios «carácter da lexislación» (internacional, estatal, autonómico…) e «ámbito da lexislación» (universal, para todo o Estado, para unha autonomía concreta…) de tal forma que moitos deses textos legais poderían clasificarse en función de cada un deses dous eixes. Por outra banda, falta algún texto importante, como a Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público. Dando por suposto que o previsible e o desexable é que o volume de lexislación que aquí se recolle seguirá aumentando, e sendo conscientes do difícil que é ofrecer un sistema de clasificación que sexa á vez coherente, funcional e que transmita información relevante a quen consulta, pensamos que tería un grande interese implementar nesta compilación algún sistema de clasificación e busca de textos. Desta forma, as persoas interesadas poderían acceder a eles en función de un ou varios criterios previamente establecidos (entidade emisora, ámbito xeográfico ou social que regula, data de publicación, palabras clave no título ou no corpo do texto…) facilitando enormemente un labor de consulta que, se na actualidade é enleado, a medio prazo pode converterse en caótico. Igualmente, sería de desexar que en desenvolvementos futuros, esta compilación fose evolucionando ata converterse nun repositorio actualizado de lexislación consolidada en / sobre lingua galega. Unha ferramenta tal non só sería útil como fonte de información senón que xogaría un importante papel na promoción do uso do galego no ámbito xurídico. A ver se chegamos a velo. * Polo menos nun caso o concepto «lexislación» enténdese de forma laxa: a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos non é, hoxe por hoxe, ningún texto legal, senón a proposta redactada na Conferencia Mundial de Dereitos Lingüísticos (Barcelona, 1996), co fin de que algún día sexa ratificada nunha convención internacional da ONU que non ten trazas de celebrarse a curto prazo. |