|
Pasa a folla Novo web da Secretaría Xeral de Política Lingüística Non era sen tempo! Despois de anos padecendo webs moi estáticos e desorganizados, por fin a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia conta cunha plataforma na Internet acorde co seu teórico papel na promoción do coñecemento e o uso do galego. Con características como un deseño máis moderno e unha organización racional dos contidos, a inclusión das novas xeradas pola actividade da Secretaría –ás que é posible subscribirse–, ou a posibilidade de facer buscas dentro do web; con todo isto, dicimos, o salto de calidade con respecto ás versións anteriores é evidente. Xa desde a páxina principal o web estrutúrase en tres grandes bloques de contido: Política Lingüística, Vivir en galego e Aprender galego. No primeiro deles recóllese a actividade da propia Secretaría –servizos que se ofrecen, convocatorias e contratacións, liñas de investigación propias ou cofinanciadas…– así como a lexislación e as liñas xerais da planificación (Plan xeral de normalización da lingua galega) que afectan a esta lingua. O segundo ofrece información histórica e sociolingüística, pero sobre todo céntrase na presentación de iniciativas que contribúen ao obxectivo de que calquera persoa poida desenvolver en galego a súa vida cotiá sen limitacións. O terceiro céntrase na aprendizaxe da lingua, presentando información e liñas de formación para os diferentes niveis educativos do ensino regrado (non universitario e universitario) e para o non regrado. Atende tamén ás posibilidades que unha persoa ten para formarse en galego en diversas partes do mundo ou para que un estranxeiro se forme aquí. Finalmente, preséntanse unha serie de materiais que lle permiten a unha persoa aprender pola súa conta ou resolver dúbidas puntuais. En principio, parece que é no segundo onde debería estar o maior volume de información, e tamén a máis interesante; pero pola contra, é o menos desenvolvido, a pesar de incluír nel epígrafes como Fraseoloxía na rede ou Normas que non gardan moita relación co seu teórico contido. Unha boa mostra témola no feito de que baixo o epígrafe Iniciativas normalizadoras non apareza máis ca unha (chama tamén a atención que non se faga máis ca unha breve referencia ás campañas desenvolvidas con anterioridade pola antiga Dirección Xeral de Política Lingüística.); ou en que boa parte dos ámbitos para os que se nos di Vive en galego! (medios de comunicación, sanidade, economía…) non presenten en realidade no seu interior ningunha actividade salientable de promoción da lingua. De todos os xeitos, isto non é máis ca a plasmación visual dunha traxectoria de promoción do emprego do galego moito máis centrada na elaboración de materiais ca no desenvolvemento de iniciativas de intervención directa sobre a sociedade. E se cadra por iso tampouco hai mención ningunha aos servizos de normalización lingüística, que en teoría deberían ser as estruturas técnicas encargadas de deseñar e poñer en marcha esas accións, e son escasas as referidas ás iniciativas desenvolvidas por outras entidades, tanto públicas (concellos, universidades…) como privadas. Para ir rematando e deixar que vós mesmos remexades no web, a mellora en canto ao contedor e a estrutura é evidente, pero o que cómpre agora é desenvolver actividades que permitan ilo enchendo de contidos.
|
principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...? |