|
Pasa a folla Terminoloxía nos cartafois Hai xa case 15 anos que a Universidade de Santiago de Compostela –a través do SNL– comezou a elaborar, editar e difundir léxicos e vocabularios técnicos entre a comunidade universitaria. Os soportes e os formatos empregados para facelo foron cambiando co tempo e coa aparición de novas posibilidades tecnolóxicas: os primeiros editábanse en papel, pero a progresiva consolidación da Internet permitiu que este medio de comunicación fose gañando espazo como vía de divulgación, primeiro alternativa, pero nalgún caso xa exclusiva. Hai unhas poucas semanas, e en colaboración coa Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, ampliamos máis o abano dos nosos soportes de divulgación de terminoloxía. Por vez primeira, un vocabulario en papel do SNL non ten forma de libro, senón dun cartafol que combina un exterior publicitador das actividades que a CNL ten programadas para este curso cun interior terminolóxico consistente nun pequeno vocabulario galego-castelán-inglés centrado no ámbito da nova economía. A utilización de formatos coma este –sobre todo para repertorios de poucas entradas–permite chegar a un número moi grande de destinatarios cun custo razoable; e ademais, converter en materiais de consulta soportes que o alumnado –destinatario prioritario deste tipo de iniciativas– leva consigo a diario; algo que non adoita ocorrer cun libro. A área elixida (nova economía) foino fundamentalmente por tres razóns: 1. É das que recibiron unha atención menor nos glosarios e dicionarios técnicos de tema económico dispoñibles en galego. O produto final que se incorporou ao interior do cartafol é un glosario no que se recollen 188 conceptos, para cada un dos cales se indica a denominación principal en galego e a súa categoría gramatical; outras formas de designar ese concepto nesta lingua (sinónimos ou variantes da principal), e os equivalentes en castelán e inglés*. Pero para aqueles de vós que non poidades facervos cun deses cartafois quedan aínda dúas vías para para conseguir o glosario: descargalo do web do SNL, onde se atopa baixo a forma de glosario clásico co título de Termos esenciais de nova economía, ou consultalo a través de bUSCatermos. * Para as versións nestas dúas últimas linguas tomamos como base o Vocabulario terminológico de la nueva economía elaborado dentro do proxecto ESLEE (Estudio de los lenguajes especializados en español). |