Reunión de coordinación das comisións de normalización
O xoves 23 de xaneiro de 2003 as dez comisións de normalización lingüística da USC (nas facultades de Ciencias da Educación, Ciencias da Información, Dereito, Filoloxía, Filosofía, Física, Psicoloxía, Química, e Xeografía e Historia, así como na Escola Politécnica Superior manterán unha reunión de coordinación presidida polo secretario xeral da Universidade, Joaquín Rodríguez-Toubes, responsable de normalización lingüística no equipo de goberno.
O obxectivo da reunión é, en primeiro termo, facer un repaso polos traballos levados a cabo polas diferentes comisións durante o pasado ano, de moitos das cales xa fomos dando conta nos anteriores números de O Cartafol, dixital e en papel, como, por exemplo, a elaboración e difusión do Vocabulario de Química <http://www.usc.es/~snlus/vocab.htm>, ou a campaña da Escola Politécnica Superior <http://ocartafol.usc.es/con_creto.asp?OCArtafol=2&Artigo=8> . O segundo obxectivo é deseñar un plan cos obxectivos e as actuacións para o ano 2003 en cada centro, así como a busca de recursos para executalo. Estas actividades deben enmarcarse dentro do Plan de Normalización Lingüística da USC <http://www.usc.es/snlus/pnl.htm> que está en vigor ata o ano 2010, e que contempla as comisións dos centros como o mellor sistema para a participación e a implicación dos membros da comunidade universitaria no proceso de normalización lingüística.
As comisións de normalización lingüística son comisións de traballo, nas que participan profesores, alumnos e membros do PAS, que teñen como obxectivo aumentar o uso do galego nos seus centros en tódolos ámbitos. As súas funcións abranguen recoller datos, propoñer actuacións, canalizar intereses, difundir información e recursos, e coordinarse. En xeral, recoméndase que se conformen como comisións delegadas da xunta de centro, caso no cal a súa composición será semellante á doutras comisións. Para máis información sobre a súa composición e funcións pódese consultar a páxina do SNL <http://www.usc.es/~snlus/cnl.htm>.
 |
|