Dereito dá un paso a prol do galego
O 13 de decembro do pasado ano, a Facultade de Dereito deu un paso a prol do galego, coa aprobación, na súa Xunta de Facultade, da creación da Comisión de Normalización Lingüística.
A proposta partiu do propio equipo decanal, presidido por Milagros Parga Otero, e deu lugar, en primeira instancia, a un debate sobre a situación do galego no centro así como sobre as posiblidades que abre o para a extensión do uso do galego o Plan de Normalización Lingüistica da USC, principalmente no eido da docencia. Trala aprobación da Comisión a decana encomendoulle a presidencia desta ó catedrático de Dereito Mercantil José A. Gómez Segade, profesor de longa traxectoria no uso do galego na docencia, e que xa en O Cartafol nº 21 propugnaba o ensino nesta lingua 'como primeiro paso para anchear o camiño do galego no ámbito xurídico'. Na Comisión participan, ademais, Antonia Nieto Alonso e Fco. Javier Sangiao Otero -profesores de Dereito Civil e de Economía Aplicada-, Jesús Quintela Vázquez -membro do PAS-, e a alumna Cristina Alonso.
A proposta de creación da Comisión para impulsar o avance da lingua galega na facultade insignia do Dereito en Galicia, realizouna o equipo decanal do centro para mirar de cumprir un dos obxectivos do propio Plan de Normalización Lingüística <http://www.usc.es/snlus/pnl.htm>: 'Potenciar as comisións de normalización lingüística de cada centro como o mellor sistema para a participación e a implicación dos membros da comunidade universitaria no proceso de normalización lingüística'.
 |
|