As comisións de normalización avanzan xuntas
O 23 de xaneiro celebrouse na Casa da Balconada unha reunión das distintas comisións de normalización lingüística con representantes do Servicio de Normalización e presidida polo secretario xeral da Universidade, Joaquín Rodríguez Toubes. Os obxectivos desta xuntanza foron, por un lado, dar a coñecer os distintos traballos que veñen realizando ata o de agora as distintas comisións, e polo outro, buscar liñas comúns de actuacións enmarcadas no Plan de Normalización Lingüística da Universidade, nas que se poida traballar conxuntamente a partir de agora.
Na xuntanza estiveron os representantes dalgúns dos centros onde xa hai estes órganos creados (facultades de Dereito, Física, Ciencias da Educación, Psicoloxía, Matemáticas, Xeografía e Historia, e da Escola Politécnica Superior de Lugo), e tamén outros representantes de centros onde aínda non hai, pero si amosaron un interese pola súa creación (facultades de Medicina, Bioloxía e Farmacia, e as Escolas de Relacións Laborais, Enfermería e de Maxisterio en Lugo). Estes últimos comprometéronse a que se crearían as comisións dos seus centros na próxima xunta de facultade ou escola, para así comezar a traballar canto antes.
Polo de agora as inquedanzas máis importantes nos distintos centros son: a traducción dos programas das materias, a elaboración de vocabularios e léxicos das distintas especialidades e en xeral o fomento do galego entre o profesorado, o sector máis influínte dentro da Universidade e o menos galeguizado. Salienta, entre os proxectos destinados a esta finalidade, un curso de aplicación das novas tecnoloxías á docencia en galego, iniciativa da Facultade de Psicoloxía.
 |
|