|
Pasa a folla O proceso de normalización do idioma galego 1980-2000 O pasado día 26 de maio presentouse no Consello da Cultura Galega o segundo volume do estudio O proceso de normalización do idioma galego 1980-2000, un referente inescusable á hora de coñecer e xulgar a situación do idioma propio de Galicia na actualidade. Os dous volumes editados son os primeiros froitos dun informe impulsado pola Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega (1), para estudiar o uso da lingua por parte das institucións públicas e oficiais, e a súa evolución no período que nace coa oficialización do galego, así como avaliar as políticas de promoción do idioma, especialmente do goberno autonómico, principal responsable destas segundo a Lei de normalización (2). O proxecto responde a tres obxectivos: a) coñecer os usos públicos da lingua por parte de institucións públicas; b) ofrecer datos para avaliar a eficacia e a eficiencia das iniciativas do goberno autónomo neste eido; c) fornecer recomendacións para mellorar a súa efectividade. Todos eles poderían resumirse nun só: 'ofrecerlles á sociedade galega, e de xeito especial ós seus responsables políticos, elementos de reflexión e xuízo, para mellor afrontarmos unha das máis fermosas e máis estimulantes tarefas colectivas con que se enfronta o noso país: a plena normalización da súa lingua secular e popular'. Dada a magnitude do estudio, subdividiuse en catro áreas: política (producción lexislativa, iniciativas parlamentarias, discursos políticos, orzamentos...), ensino (só infantil e primario), administracións públicas, planificación do corpus e difusión da lingua. O volume I, Política lingüistica: análise e perspectivas, logo de pintar un marco socioeconómico e político, fai unha análise polo miúdo dos discursos dos partidos políticos arredor do tema da lingua, e da política lingüística da Xunta de Galicia: actuacións estratéxicas, evolución dos orzamentos, organización e coordinación, productos, etc. Séguelle unha estimación do impacto que todo isto tivo na sociedade, así como a opinión de expertos. Entre as conclusións destacan: a paradoxal situación do galego, que se debate entre o esmorecemento que provoca a perda da transmisión na familia e o incremento da súa consideración social; os feitos positivos para a lingua de aparición dunhas institucións propias e de asunción dos presupostos do galeguismo histórico por parte dos poderes públicos; o papel chave do nacionalismo como motor social a prol do galego. A respecto da actuación da Xunta: a busca da normalización sen conflicto, a preponderancia das medidas relativas ó ensino, a ausencia de diálogo cos axentes máis activos no mundo da lingua e a súa escaseza con outras institucións. Aumento do prestixio e das actitudes positivas cara á lingua, ineficacia canto ó mantemento e recuperación de usos lingüísticos, e eficacia limitada na capacitación lingüística son os resultados da avaliación da política da Xunta nestes anos. Pola súa banda, o volume II, Educación, comeza cunha relación exhaustiva do desenvolvemento lexislativo posterior á Lei de normalización no eido educativo, das propostas das organizacións socioeducativas e dos estudios de impacto das medidas levadas adiante neste eido. Posteriormente, reflíctese unha investigación propia baseada nunha mostra de centros de educación infantil e primaria. A primeira conclusión é a mellora do estatus da lingua no ámbito escolar neste período, ó pasar da represión á presencia do galego en grao diverso, a cal se viu favorecida pola existencia dunha normativa legal. O ambiente, con todo, é máis favorable para o castelán, mesmo en ámbitos en que a lingua predominante é o galego. A maior galeguización dáse na administración, mentres que o obxectivo central da lexislación (a competencia dos alumnos nas dúas linguas oficiais) non se acada; os obxectivos mínimos legais de docencia en galego tenden a considerarse como máximos, sobranceiramente no ensino infantil e no primeiro ciclo de primaria. Os equipos de normalización lingüística existen na maioría dos centros, aínda que con poucos medios e cumpren un papel voluntarista e pouco planificador. Cando estes son activos e están ben inseridos no centro, favorecen de xeito moi claro o proceso de normalización. Agardamos a aparición dos novos volumes, que han botar un pouco máis de luz sobre este tema tan controvertido. (1) http://www.consellodacultura.org
|
principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...? |