Febreiro do 2005
   Visita os números anteriores
Buscas


01/03/05 Curso de galego para non galegofalantes

14/03/05 Cursos de redacción e deseño de traballos de investigación

24/04/05 Remata a inscrición en "Campuson"




Divulgación científica en galego www.canalciencia.com






 


¿Sabías que...?

De papisas e xerentas

A principios do século X pasaron a Alemaña a converter saxóns ao cristianismo varios sacerdotes ingleses, entre eles un cunha fermosa moza que roubara para ocultar que estaba preñada. Cando naceu, á nena chamárona Xoana e, instruída por seu pai, acadou tales coñecementos que tiña admirados aos máis sabios doutores. Marchou a Roma e alí nobres, cardeais, sacerdotes, diáconos e frades elevárona á cadeira pontificia á morte do papa León. Na catedral do Sena está o seu retrato co título de Xoán VIII, papa femia.

Esta historia entre a realidade e a ficción abonda para que nos dicionarios se recolla a palabra papisa. Desde logo, ata hoxe non foi unha entrada moi útil, pois só pode designar a papisa, real ou lendaria, Xoana. No futuro quen sabe, pero se non cambia moito a Igrexa católica a rendibilidade da palabra vai ser parecida.
Pola contra, o termo xerenta non existe para a maioría dos dicionarios –presidenta si–, incluso o corrector ortográfico que estou utilizando para escribir este texto acaba de subliñar esta palabra, o cal me indica que efectivamente escribo o inexistente. O verificador ortográfico funciona perfectamente, pois responde aos criterios que marca o estándar: xerente é un substantivo sen flexión de xénero, de tal xeito que é invariable para o uso masculino e feminino. Polo tanto, por moito que porfíe, o uso de xerenta é incorrecto e case deberamos dicir irreal, porque non vén cualificado como incorrecto, simplemente non vén recollidos nos tesauros da lingua. Papisa, si. Se cadra hai xerentas que renegan de tal denominación porque non queren tomar contacto con esa inexistencia ao comprobaren os dicionarios e queren manterse ocultas nun anonimato asexuado, apenas marcado cun tímido artigo.

Deberan elas, quizais, mirar noutro sitio e pensar que os dicionarios non son unha fotografía da realidade e apenas se conforman con ser reflexos imperfectos dela. Hoxe, á par dese universo creado polo home para ordenar a realidade, hai un mundo tamén creado pero paralelo ao establecido e chamámoslle Rede. Nela non existen bilbliotecarios, nin tan sequera andeis onde están ordenados os seus volumes. Existen buscadores que nos presentan o que alí existe. Aquí non se buscan palabras e si realidades,  e se o facemos apareceranos que “unha xerenta adxunta encabeza unha reunión” ou que “acaban de substituír a xerenta de Canal 7”, malia que o meu verificador ortográfico antes xa de que a substituísen xa lle negase a súa propia existencia.

As obras lexicográficas non poden ser a única referencia dos usos lingüísticos. O uso real tense que converter en parte do criterio decisorio para cualificar a corrección ou incorrección dunha forma determinada. O uso fará correctas palabras como capataza, ou calefactora, hoxe inexistentes nos repertorios lexicográficos. De feito, no mundo globalizado en que vivimos xa non só se estandariza desde arriba, a creación do estándar é moito máis dinámica e pon en xogo máis actores. As autoridades lingüísticas, que son quen teñen que sancionar as formas correctas dun idioma, deben que actuar co dinamismo que a sociedade lles esixe, se non corren o risco de quedar fóra do proceso e da realidade.



Imprimir

 

 

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es