CHESGA
Galician | Spanish | Czech | English

The CHESGA Project

Os corpus paralelos reveláronse como un instrumento de moita utilidade na didáctica das linguas estranxeiras ou en entornos de bilingüismo. No noso traballo apresentaremos CHESGA, un sistema baseado nun conxunto de textos en diferentes linguas e alineados por unidades discursivas, que funciona a través da web aproveitando as posibilidades que ofrecen as ligazóns para proporcionar ó alumno as traduccións axeitadas para cada oración. O seu propósito principal é mellorar as destrezas comunicativas do alumno mediante a comprensión lectora, así como facilitar esta comprensión proporcionando unha traducción unívoca das palabras descoñecidas.

CHESGA enmárcase dentro da USC Virtual, un proxecto impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela para facilitar a integración das novas tecnoloxías na didáctica e a aprendizaxe a distancia. Nunha primeira edición estará disponible para checo, español e galego, aínda que será posible incorporar máis linguas nun futuro (o que multiplicará o número de pares lingüísticos posibles).

Os textos escollidos forman parte dunha selección de contos humorísticos de Jiří Suchý, un dos autores contemporáneos máis coñecidos no seu xénero na República Checa. No caso da versión en galego, trátase o mesmo tempo da primeira traducción dun texto literario do checo a esa lingua. A idea de traducir os contos ó galego xurdiu no ano 1994 no seo dun dos cursos de Lingua e Cultura Checa que se imparten desde o ano 1988 no Centro de Linguas Modernas da USC (antes Instituto de Idiomas), sendo pioneiras non só en Galicia, senón en toda España. Como unha das actividades docentes, propúxose a traducción do conto Příběh s revizorem (Historia cun revisor). A tarefa foi moi ben aceptada polos alumnos, polo que se decidiu a súa continuidade. Distintas promocións de alumnos continuaron a empresa ata elaborar as presentes versións dixitais en checo, galego e en castelán.