En 1882 gañou por oposición a cátedra de Historia das Belas Artes da Escuela de Barcelona. Na relación de Cossío coa historia da arte salientan, entre outros estudios, a elaboración dunha Historia da pintura española e, fundamentalmente, a publicación, en 1908, da súa magna obra El Greco
En 1883 gañou por oposición a dirección do Museo Pedagógico de Primera Enseñanza (despois Museo Pedagógico Nacional), fundado o ano anterior, e nel permañeceu ata a súa xubilación en febreiro de 1929. A súa concepción dinámica desta institución reflíctese en iniciativas como as bibliotecas e material escolar circulantes ou as colonias escolares de vacacións.
En 1901 encargouselle a cátedra de Pedagogía General, creada no Museo Pedagógico Nacional e, en abril de 1904, foi nomeado catedrático de Pedagoxía superior do doutoramento na Facultad de Filosofía y Letras da Universidad de Madrid
En 1921, como director do Museo Pedagógico, foi nomeado Consejero de Instrucción Pública, cargo que exerceu ata a súa xubilación. A súa influencia na política educativa do seu tempo deixouse xa sentir, así e todo, desde moito antes, debido ao influxo que el e máis Giner exerceron en políticos e responsables educativos de diferentes gobernos
Ao proclamarse a República materializouse un vello soño de Cossío coa fundación, en 1931, das Misións Pedagóxicas, das que sería nomeado presidente do Patronato.
Por causa da doenza que padeceu nos anos seguintes Cossío viviu xa desde unha certa distancia os avatares da República, da que é nomeado “Cidadán de honra” en 1934. O ano seguinte faleceu en Collado Mediano (Madrid).
|