No monte, no agro, nas aulas...
No monte, no agro, nas aulas... en galego. Tal é o lema do deseño que resultou gañador do concurso convocado no pasado mes de maio pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Lugo, e que verá a luz en forma de cartel. Ó concurso presentáronse 16 traballos, que se expuxeron na EPS, e foron xulgados pola dita Comisión. Os outros dous traballos premiados editaranse como adhesivo e como ilustración para un díptico informativo (véxase a foto da portada), co obxectivo de dar a coñecer a propia comisión e as súas actividades.
Na Comisión, delegada da Xunta de Escola, participan representantes do profesorado, o estudiantado e o persoal de administración e servicios. O seu obxectivo xeral é conseguir un incremento do uso do galego en todos os ámbitos da vida do centro: sociais, administrativos, docentes, investigadores...
Na súa curta vida -creouse o 2 de abril de 2002-, ademais de promover o devandito concurso, e editar os carteis, folletos e adhesivos correspondentes, creou un sitio web http://web.lugo.usc.es/cnleps/, a través do cal se pode coñecer cáles son os seus membros, as súas actividades, así como contactar con ela, pois o seu funcionamento vai ser aberto, e o seu éxito depende da participación da comunidade que forma a Escola Politécnica.
De por parte, e en colaboración co Servicio de Normalización Lingüística, estase a proceder á traducción dos programas de materias do primeiro curso -dos novos plans, aprobados o curso pasado-, así como á elaboración de vocabularios especializados do ámbito agroforestal.
|