|
Pasa a folla Dicionario galego de construción naval Sempre é unha boa nova poder comentarvos aquí a aparición dun vocabulario galego. E poder falar hoxe deste é grato por varios motivos. En primeiro lugar, polas súas propias características (máis de 2000 entradas, tetralingüe e con definicións) e por centrarse nun ámbito profesional* tan importante na industria galega. Tamén, porque un colexio profesional se implique activamente nunha acción de promoción do galego, algo por desgraza pouco habitual. E finalmente, pola determinación de compartir libremente os contidos do traballo ao abeiro dunha licenza Creative Commons, e ao divulgalo a través da Internet como dicionario en liña e en versión .pdf. E isto a pesar de que deba mellorarse a coordinación entre ambas as versións, que neste momento ofrecen información diferente para algunhas entradas, fundamentalmente en relación cos sinónimos galegos e os equivalentes noutras linguas, como pode verse en escaler, escarva, espello, forro… O obxectivo declarado no «Preámbulo»* (colaborar ao esforzo colectivo de recuperación deste riquísimo léxico [da construción naval], poñelo en valor e acompasalo ao devir dos tempos), e as carencias que nel se recoñecen (escaso tratamento da variación dialectal e a non-incorporación das denominacións de novas técnicas que non posúen un nome en galego) poden inducirnos a pensar que estamos diante dun traballo de vocación etnográfica. Pero equivocaríamonos totalmente. Recóllese e préstaselle atención ao léxico patrimonial, entre outras cousas porque en moitos casos pode reutilizarse para designar conceptos máis ‘modernos’, pero parece evidente que un traballo que inclúe entradas como barcaza offshore, navegador por satélite, radiobaliza, sonar, spinnaker ou trimarán dificilmente pode cualificarse como etnográfico. As máis de 2000 entradas que compoñen o traballo atenden non só ao ámbito da construción naval senón tamén a outros próximos, como as artes de pesca (bou, cacea, cerco, enmalle, liña de man…), accións e manobras de navegación (amarre, ancoraxe, arribada, atraque, emproar…), maquinaria e utensilios empregados a bordo (canón lanzacabos, carro de varar, guincho, halador, lanterna…), etc. Cada unha delas encabézase co nome galego e a categoría gramatical. A continuación defínese o concepto e ofrécense outras formas de referirse a el nesta lingua. E finalmente indícanse os equivalentes en castelán, portugués e inglés. En todo ese volume de información só atopamos dúas nódoas que merecerían unha revisión de cara a futuras actualizacións do traballo. A máis relevante mellorar a xestión da sinonimia, pois non é tratada de forma consistente nalgúns campos semánticos (nunha entrada A cítase como sinónimo B, pero nesta non se menciona A senón C, etc.), como se pode ver, por exemplo na serie barca, barco, bote, chalana, chinchorro, embarcación, escaler, lancha e gamela. E tampouco estaría de máis valorar a inclusión dalgunhas denominacións que están explicitamente desaconselladas en traballos normativos, como candeleros, flota, veleta… Pero pequenas chatas coma estas non minguan o valor conxunto dun Dicionario que nace destinado a converterse nun produto de referencia nesta área de especialidade.
** É unha mágoa que o traballo conte con dous limiares protocolarios e con ningún propiamente técnico, no que o equipo autorial expoña os seus métodos e criterios de traballo.
|
principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...? |