|
Pasa a folla Correctores ortográficos Galgo e 2.Mil A aparición de correctores ortográficos de galego adaptados ao ámbito da informática marca un punto de inflexión, pois contamos desde aquela con novas ferramentas de traballo que lle ofrecen ao usuario unha axuda para conseguir a corrección dos seus textos e que poñen a lingua galega en plano de igualdade coas outras do seu contorno, que xa contaban con correctores deste tipo. Ata o momento contabamos co ALLEGUE, da empresa Allegue Informática; o Corrixe, versión 1.20 para Windows 95/NT e Macintosh, desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela; o Bemposto, autocorrector de textos en galego para Microsoft Word na versión 97 e 2000 producido por Vieiros e galego.org; e o Galgo, un producto desenvolvido pola empresa Imaxin coa colaboración do ILGA para a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e que é posible solicitar en CD-ROM á Dirección Xeral de Política Lingüística. Agora sae á luz un novo corrector, o 2.mil, que, igual có Galgo, foi realizado por Imaxin en colaboración co ILGA para a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e que é o primeiro corrector de galego para todo o paquete Office 2000. Del e do Galgo falaremos. O Galgo funciona cos seguintes sistemas operativos e procesadores de texto: Windows 95, Windows 98 ou Windows NT; Word 6.x, Word 95, Word 97, Word 2000 ou WordPerfect. A nosa experiencia é que a súa instalación non dá ningún tipo de problemas, e unha vez rematada ten que aparecer entre as barras de ferramentas do procesador de textos unha icona “ABC Galgo”, que ha premerse no momento en desexemos corrixir un texto. Pola súa parte o 2.mil funciona con todo o paquete Office 2000 (Word, Access, Excel, Powerpoint e Outlook) como xa dixemos, e a súa instalación é igualmente sinxela. Agora ben, á hora de traballar con el lembremos que temos dúas opcións: empregalo como autocorrector, para o que antes de empezar a escribir hai que cambiar o idioma a “Galego” en Ferramenta-Idioma-Cambiar; ou ben empregalo como corrector a posteriori para o que antes de iniciar a corrección deberemos seleccionar o texto (Edición-Seleccionar todo) e despois cambiar o idioma a “Galego” en Ferramenta-Idioma-Cambiar. Canto á corrección propiamente, tanto o Galgo como o 2.mil céntranse principalmente no léxico e en aspectos morfosintácticos dos textos. Os dous utilizan como base o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG) desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega, e ademais inclúen abreviaturas, siglas e acrónimos, nomes e apelidos, e topónimos galegos, españois, portugueses e europeos en xeral (aproximadamente 1.000 abreviaturas, siglas e acrónimos, 1.000 nomes e apelidos e uns 1.200 topónimos). Por unha banda resulta evidente que o galego non pode reducirse á listaxe de palabras do VOLG e aos nomes, apelidos, topónimos, abreviaturas, siglas e acrónimos que inclúen os correctores; e, pola outra, é claro que a terminoloxía dificilmente fica neles representada, como en calquera diccionario de lingua de carácter xeral. Por isto suxerimos que se engadan diccionarios sobre temas concretos para a corrección de textos escritos nunha linguaxe especializada, a penas revisados polos correctores ortográficos de calquera lingua, xa que entre as posibilidades que nos ofrecen os dous correctores que estamos a describir, está a de utilizar outros diccionarios, no caso do Galgo un “Diccionario do usuario” e “Diccionarios externos”, no do 2.mil un “Diccionario personalizado”. O “Diccionario do usuario” é o lugar en que engadiremos as palabras que consideremos oportunas para a mellor corrección do texto, mentres que os “Diccionarios externos” que poden engadirse ao Galgo, son diccionarios terminolóxicos con que este traballa con vistas a facilitar a corrección de textos especializados. Serán fornecidos pola empresa Imaxin e conterán sempre un léxico validado por expertos non sendo, por tanto, modificables polo/a usuario/a final. Polo que sabemos, é posible contar con varios e que estean activos a un tempo, ou manter activos só os que nos interese para a corrección dun documento en particular. Cómpre activalos antes de comezar a corrixir. EN CONCLUÍNDO... Polo dito, pódese crer que estes dous correctores ortográficos contan cuns medios, senón iguais, semellantes, e realizan un labor de corrección idéntico. Na práctica revelóusenos que isto, curiosamente, non é así. Vexamos as vantaxes que presenta cada un: Co Galgo temos unha corrección máis adaptada a unha lingua como a nosa que, polos motivos que todos coñecemos, ofrece máis dúbidas e problemas á hora de empregala, pois presenta unhas suxestións mellor enfocadas cara á problemática do uso do galego. Un exemplo claro témolo no que ocorre con plantexar: o Galgo suxire expor, formular, admitir, bosquexar, etc., entre outras alternativas; o 2.mil diferentes palabras derivadas de planta. Á parte está a posibilidade de empregar os “Diccionarios externos”, pensados para a corrección de documentos especializados. O 2.mil ofrécenos unha opción de grande interese de que o Galgo non dispón: a autocorrección, o podermos ir corrixindo o texto a medida que escribimos. Tendo en conta estas vantaxes, aconsellamos para unha maior eficacia nas correccións facer un uso combinado dos dous correctores, o 2.mil primeiro como autocorrector e o Galgo despois para revisar, xa que isto ademais non ha supornos ningún problema. Hai que ter en conta que aínda non dispoñemos, polo de agora, de ferramentas que ofrezan unha corrección de textos total e perfecta, pero co novo corrector 2.mil estamos un paso máis adiante no camiño. Temos un producto que en canto á calidade non é mellor có que había, pero que soporta máis programas (todo o paquete Office) e que é, á parte, compatible con el, polo que a lingua galega está en hora boa. O usuario ten ao seu dispor dous correctores ortográficos de primeiro nivel, que ofrecen o que hoxe pode agardarse dunhas ferramentas deste tipo en calquera lingua.
|
principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...? |