Marzo do 2006
   Visita os números anteriores
Buscas


24/04/06 Curso de redacción e deseño

24/04/06 Actualización á Normativa da Lingua Galega

21/07/06 Premios á calidade lingüística nos traballos académicos




Dicionario de física Vilalta López, Guillín Fraga e Varela Caamaño (2005), Baía ed.






 


¿Sabías que...?

As palabras non o son todo (II)

Normalmente faise unha relación estreita de máis entre lingua e normas, de xeito que se pensa que se alguén coñece estas dominará integramente o seu sistema comunicativo. Isto pode ser así porque a aprendizaxe das linguas no noso contorno fai (máis) fincapé no coñecemento de regras ortográficas e morfolóxicas e, no mellor dos casos, na adquisición dunha base léxica ampla ca no estudo e uso da lingua como un sistema de comunicación. Esta situación de partida leva a que é difícil atoparmos individuos que sexan quen de seren verdadeiramente expresivos.

A expresividade, que tamén ten unha compoñente natural, é algo que se practica e se madura. É difícil hoxe atoparmos contornos que faciliten a transmisión oral. As casas son quentes e a xente non se dispón ao redor dunha lareira; a falar. Neses anos onde se contaban contos ao redor do candil, había persoas que se converteron nos transmisores das historias da contorna. Nalgúns sitios de África, onde non coñecen a escrita, as familias –moito máis grandes que aquí– acubillados na sombra dun baobab falan tamén da súa historia. Alí tamén hai contadores de historias e como non teñen a mesma forma de contar o tempo, empregan expresión como: hai tempo, hai moito tempo ou hai tanto tempo que xa case ninguén se lembra. E antes diso, queda a nada: a prehistoria.

No mundo noso, é difícil atopar alguén que conte e que o faga ben. Falta o hábito e sen el fallan os recursos, a técnica. Imaxinemos unha persoa que vaia contar algo a un grupo de amigos que están ao redor dunha mesa. A persoa que conta, se quere impresionar a audiencia, terá que dicir de alguén que é moi feo (en moitas historias hai xente fea) que é coma un croio ou feo coma o demo. Se quere darlle un ton xocoso poderá dicir feo como pegarlle a un pai, mais se quere darlle un carácter tenebroso iralle mellor era dos que lle poñía medo ao medo ou era nado nunha noite escura. É dicir, se utiliza as expresións adecuadas o resultado da súa expresividade será maior.

Para aprender unha lingua de xeito integral e coñecer os seus recursos expresivos non abonda con mercar e ler manuais de expresións e frases feitas, da mesma maneira que non chega con comprar e ler libros de cociña para aprendermos a cociñar. Os domingos algunha xente xanta nas casas dos seus pais e alí comen a mellor empanada ou a mellor caldeirada. Ese domingo un pode gozar da comida e marchar, ou, pola contra, pode comer tamén para aprender. Neste caso, haberá que preguntar de onde son as patacas, como se salga o peixe, etc.  Na aprendizaxe dos recursos lingüísticos a cousa non é moi diferente. Un vieiro para a aprendizaxe é ler ou escoitar con ánimo de imitar e para iso hai que pasar dunha actitude máis pasiva a outra activa e reflexiva. Se lemos a alguén que nos gusta deberemos preguntarnos por que. Así que saibamos que é o que funciona poderemos reproducilo e imitalo.



Imprimir

 

 

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es