Marzo do 2004
   Visita os números anteriores
Buscas


13/04/04 Comeza o curso de redacción e deseño




Krásy a Tajemství Ceské Rep. Belezas e misterios da Rep. Checa Bohumil Vurm. Centro de Linguas Modernas da USC






 


¿Sabías que...?

Teño sabido* que en galego non hai tempos compostos


Pois si. Ao revés do que puidera parecerlle a quen escoite falar ou lea a moitos dos nosos persoeiros e profesionais da palabra -e ímonos resistir a poñer exemplos...- o galego non utiliza a estrutura de tempos simples/ tempos compostos propia de moitas das linguas do noso contorno, para, coma elas, marcar oposicións temporais,



 el orador presentaba sus conclusiones // el orador había presentado sus conclusiones


o orador apresentava suas conclusões // o orador tinha apresentado suas conclusões


ou para indicar se a acción está acabada ou inacabada



el orador ha presentado sus conclusiones // el orador presenta sus conclusiones


ou para indicar se a acción se acabou hai pouco ou nun pasado remoto



el orador ha presentado sus conclusiones // el orador presentó sus conclusiones


Pero, vaiche boa, os galegofalantes vivimos e falamos tranquilos sen topar nunca de menos tal limitación, como di Fran Pérez Lorenzo nun artigo recente . Aí a iamos virando cos nosos escasos tempos simples, marcando as oposicións temporais e aspectuais con parellas como



o orador presentaba as súas conclusións // o orador presentara as súas conclusións


e indicando se a acción estaba acabada ou non con formas verbais que indican unha acción anterior



o orador presenta as súas conclusións // o orador presentou as súas conclusións


ou con perífrases que indican que a acción rematou no pasado



o orador presenta as súas conclusións // o orador acaba de presentar as súas conclusións


Se un galegofalante quere transmitir a mensaxe de que esa acción se realizou unha vez e xa rematou, diría case con seguridade fun á sala de traballo consultar bibliografía, tanto ten que sexa hai pouco como hai moito

Pola contra, o galego ten unha perífrase verbal propia, 'ter + participio' que indica que unha acción ocorreu máis de unha vez no pasado. É dicir: cando un galegofalante di teño ido á sala de traballo consultar bibliografía está dicindo o mesmo ca un castelanfalante cando afirma he ido muchas veces a la sala de trabajo a consultar bibliografía. A perífrase galega transmite suplementaria e eficazmente o matiz de ‘reiteración’, a idea de que fun varias veces, mentres que o castelán, que carece dunha construción equivalente, ten que indicalo expresamente mediante outros recursos.


Mais, a medida que a presión do castelán vai chegando a capas maiores da poboación e a niveis máis profundos da estrutura lingüística, parece como se comezara a estenderse a percepción de que 'nos falta algo', e detéctase en bastantes falantes a tendencia a completar a suposta limitación do galego dotándoo dun sistema de formas compostas paralelo a aquel de que gozan castelán e portugués.


O resultado é unha serie de supostas formas verbais galegas que usan tempos compostos, ben copiando directamente o modelo castelán (compostos con 'haber': *se non houbera feito iso…), ben creando tempos compostos supostamente enxebres en galego empregando como auxiliar 'ter' no canto de 'haber' (*se non tivera feito iso...). A suposta enxebridade do segundo dos procedementos apóiase no feito de que a perífrase 'ter + participio' (teño feito, tiña cantado, ten presentado...) é moi usada en galego aínda que, como vimos, en ningún caso poden identificarse coa forma castelá.


En resumo: en galego debemos fuxir de usos de 'haber + participio' e de 'ter + participio', salvo cando con este último pretendamos transmitir a idea de ‘acción repetida no pasado’ propia da perífrase galega que acabamos de sinalar. Os valores temporais e aspectuais que en castelán caracterizan os tempos compostos por oposición aos simples, son irrelevantes en galego; de querelos representar, facémolo por medio de formas simples (redacto / redactei) ou por medio de perífrases (presenta / acaba de presentar). En galego, tanto ten, en principio, que unha acción se rematara hai pouco ou hai moito: o feito, feito está.



Imprimir

 

 

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es