|
¿Sabías que...? O caso "cuxo" O cambio normativo aprobado pola RAG en 2003 trouxo consigo algunhas mudanzas que necesitarán o paso do tempo para írense asentando. É o caso do resultado dos cambios na sufixación de certas palabras moi utilizadas, o cambio no paradigma verbal (visto no anterior número) ou determinadas reducións en grupos cultos. Seguiremos vendo durante algún tempo palabras como reducción* ou fluctuación* malia seren incorrectas segundo a normativa actual. Outros cambios, pola contra, vanse asentar de contado ao resultaren moi rendibles para a nosa lingua. Un deles é a aceptación da palabra CUXO como pronome relativo, pois hai que lembrar que cuxo/-xa é unha das formas de lle chamar á cría da vaca, á par de becerro, cucho, novelo, pucho ou xato. Como pronome, CUXO aparecía rexistrado na actualidade en rexistros moi cultos e formais e está desaparecido da lingua espontánea. Os textos normativos anteriores consideraban este uso fóra da lingua estándar. Dicíase:
Agora dise estoutro:
En diante, pois, non deberemos eludir o seu uso como se fixo ata o momento, seguindo a normativa anterior. Porén, a utilización deste pronome nunca vai ser masiva porque non pertence á maneira natural de expresárense as persoas. O feito de ser agora normativa non a vai facer moito máis habitual, porque na lingua común non se botaba en falta. Polo tanto, non era espontánea ata o momento nin cremos que o vaia ser. Facíase de menos na escrita de rexistros elevados, se cadra polo noso contacto co castelán e o portugués que teñen cadansúas formas análogas, e os escritores, moitas veces máis ácratas, utilizaron fóra das anteriores normas cuxo e mais as súas variantes. Agora, rehabilitada pola RAG, vaise facer común nos textos legais e na escrita dos textos administrativos e os máis formais. Vaise revitalizar, xa que logo, unha forma que seguro vai facerse cun oco na linguaxe máis formal. Estaremos encantados de, agora si con permiso da RAG, non ter que facer dobres mortais para ter que zafarse dunha forma que lemos nos libros e que xa de feito convivía connosco. Debemos ter en conta, non obstante , que seguen sendo incorrectas as formas cuio*, cuia*, cuios* e cuias* que se consideran castelanismos disfrazados de galego e non variantes das formas cuxo, cuxa, cuxos e cuxas.
|
|
principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...? |