Xerar un espazo de reflexión sobre a investigación na comunidade científica española, abordar a súa divulgación e crear un diálogo multidisciplinar e interxeracional son algúns dos obxectivos da xornada da Academia Joven de España que se desenvolve o venres 25 de outubro no Paraninfo da USC, na Facultade de Xeografía e Historia, baixo o lema ‘Os camiño da investigación’. A investigadora do CiQUS e membro da Academia Joven de España, Beatriz Pelaz, exerce nesta ocasión como anfitrioa.
O encontro será inaugurado ás 9.30 horas polo decano da Facultade, Marco García Quintela, xunto coa secretaria xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Eva Ortega; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; e o presidente da Academia Joven de España, Óscar Lucía.
Examinar as diferentes realidades e estudar como ofrecer respostas á sociedade desde múltiples perspectivas son algúns dos temas que se tratarán na xornada, que analizará a ciencia e a investigación desde unha óptica diferente, poñendo o foco en temas e disciplinas pouco coñecidos para concienciar a sociedade da súa existencia, os seus desafíos e os grandes desenvolvementos realizados en cada unha desas áreas.
O evento conta coa presenza de destacados investigadores nas distintas disciplinas científicas, como a directora adxunta do CiQUS Dolores Pérez, o director científico do CiTIUS Senén Barro, a catedrática de Astrofísica da Universidade da Coruña Minia Manteiga, ou a investigadora Sandra Lozano da Universidade Pompeu Fabra.
Na primeira das seccións da xornada abordaranse os camiños alternativos ou complementarios á academia, tratarase sobre como crear unha empresa desde o ámbito universitario e temas como a diplomacia e a divulgación científica. Na segunda parte daráselles voz a aqueles sectores da poboación que atopan máis “pedras no camiño” á hora de buscar facer unha carreira científica. A terceira parte mergúllase en avances tecnolóxicos e científicos e a última sesión será unha mesa redonda na que participará persoal investigador de distintos centros que dialogarán con membros do programa de mentorización da Academia Joven, debatendo sobre as cuestións que máis preocupan á comunidade investigadora nova.