Ciencia Singular: Xornada de Portas Abertas

Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS)

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela abrirá, un ano máis, as súas portas á cidadanía o sábado 8 de novembro, co gallo da oitava edición de Ciencia Singular. Centos de persoas poderán visitar durante todo o día espazos que son de referencia nas súas áreas científicas.
Os centros participantes (CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS) forman parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
Desde as 10.00 da mañá e ata as 20.00 horas, persoas de todas as idades percorrerán as instalacións dos cinco centros, da man do persoal investigador, o labor científico punteiro que se desenvolve neles día a día. Para participar nas actividades é preciso un rexistro previo, que pode formalizarse na páxina web https://cienciasingular.usc.es/ desde o próximo mércores 29 de outubro ás 16.00 horas. Nesta páxina estarán accesibles os programas e horarios da xornada.

