|
Pasa a folla Formularios xudiciais en galego A introdución da lingua galega no mundo do Dereito vén esixida pola lexislación, que recolle o dereito dos cidadáns galegos a utilizaren a lingua oficial que prefiran nas súas relacións coa Xustiza e a esixírenlla a esta nas notificacións que reciba. Este dereito lingüístico dos administrados debería ser respectado polos profesionais que deberían desenvolverse con suficiencia en ambos os idiomas oficiais nos seus labores como avogados, procuradores, fiscais, xuíces... Mais ben sabemos que tal respecto está aínda ben lonxe de acadarse: non hai moito desatábase un razoable escándalo porque nos xulgados de Santiago semellaba non haber ninguén preparado para casar en galego unha parella de mozos. Á escasa presencia do idioma propio de Galicia no mundo da Xustiza contribúen uns prexuízos lingüísticos moi arraizados en profesionais e administrados, retroalimentados nun mundo tan xerarquizado coma este, onde maioritariamente é o tribunal o que de feito escolla a lingua, o cal resulta unha vulneración tácita dos dereitos lingüísticos dos cidadáns. Eses prexuízos, ademais, axúntanse aos problemas técnicos que os profesionais senten: a falta de seguridade xurídica que inspira aplicar a nosa lingua a un dereito pensado noutro idioma; a falta de formación técnica (redacción, ortografía, oralidade, terminoloxía e técnicas de comunicación e do discurso); e a falta de ferramentas profesionais (textos legais, modelos de documentos...). Esconxurar todos estes atrancos sociais e técnicos non é labor doado, e abrangue unha serie de actuacións ben trabadas nos diversos planos: investigación, formación, dotación das ferramentas axeitadas, política lingüística na provisión de postos e campañas de sensibilización. E por suposto, require do concurso e coordinación de diversas institucións, organismos e organizacións: Xunta de Galicia, Ministerio de Xustiza, facultades de dereito, escolas de práctica xurídica, colexios profesionais, etc. Ata agora só se produciron actuacións parciais e illadas, por moi loables que resulten: a campaña “En galego, con todo dereito”, a tradución ao galego dalgúns códigos, a edición de cursos específicos de linguaxe xurídica, a edición de formularios específicos... Por certo, ¿u-la achega da Facultade de Dereito da USC? O pasado ano o Consello da Avogacía Galega editou os Formularios básicos de procedemento xudicial en lingua galega, froito do traballo dun equipo de lingüistas e xuristas, especialistas estes en cada un dos grandes ámbitos do Dereito , co apoio do propio Consello da Avogacía, da Consellería de Xustiza e da Fundación Illa Couto. Véñense a sumar ao Formulario notarial do Termigal, baixo autoría do notario Victorino Gutiérrez Aller en 1998. Os Formularios do Consello da Avogacía abranguen dous tipos de documentos: os formularios propios do Colexio de Avogados, e os puramente xurisdiccionais: o administrativo, o civil (incluíndo o específico de familia), o penal e o social. Para definir o esquema, o estilo e a terminoloxía xurídica que se debía empregar consensuouse a perspectiva xurídica, que buscaba a necesaria seguridade e precisión, e a lingüística e social, que pretendeu responder a criterios de sinxeleza, corrección, riqueza e modernidade. A elaboración destes formularios non pretende a uniformización: sobre eles, “cada avogado, procurador, secretario... debe proxectar as necesidades do seu propio caso e o seu estilo persoal. Por iso, e conscientemente, os formularios non teñen un desenvolvemento máis ca elemental da función argumentadora, porque é aí onde en cado caso concreto aflora a particularidade que o fai único.” Complétase a achega cuns apuntamentos sobre a lingua dos documentos xurídicos e mais cunha compilación de terminoloxía xurídica que recolle preto de 3.500 entradas escolmadas de textos lexislativos, doutrinais e de xurisprudencia; a compilación preséntase como un vocabulario castelán-galego, coa referencia de saída. Xunta o libro, un cd-rom inclúe un programa para xerar os documentos específicos, outorgando a posibilidade de, a través del, poder actualizar os formularios en liña en conexión co web do Consello da Avogacía. Sirva esta loable iniciativa do Consello da Avogacía Galega como estímulo e axuda a todos os axentes xurídicos, mais tamén a todos os que aspiran a selo, e, abofé, a todos cantos forman os profesionais do mañá.
|
principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...? |