Novembro do 2003
   Visita os números anteriores
Buscas





Formularios xudiciais en galego Consello da Avogacía Galega, 2003






 


¿Sabías que...?

A reforma das Normas (III)

Outros cambios de menor entidade pero obrigatorios

Recóllense tamén no novo acordo normativo outros cambios de carácter obrigatorio pero que, pola frecuencia de uso, hai que considerlos menos trascendentes cós vistos no primeiro apartado. É dicir, estamos a falar de cambios que pode ser que un individuo non empregue case nunca. Se de contado*  pasa a ser decontado seguramente á maior parte das persoas lles pase desapercibido, pois non é unha forma recorrente nas súas lecturas e, seguramente, moito menos nos seus escritos. A pesar disto, temos que ter en conta que son formas que cambian con respecto á normativa anterior, polo que teremos que telas presentes pois o seu uso será considerado como fóra da normativa oficial cando deixen de convivir as dúas normas.  Os cambios son estes:

Numerais cardinais: Sepáranse, e fanse regulares, os numerais entre vinte e trinta: vinte e un, vinte e unha, vinte e dous, vinte e dúas… Na norma de 1995 estes numerais cardinais estaban aglutinados: vinteún*, vinteúnha*…

Multiplicativos: Elimínanse triple e cuádruple, polo que quedan como únicas formas triplo, tripla, cuádruplo e cuádrupla.

Forma de adverbios e locucións adverbiais: aglutínanse, antes ían separados, os seguintes adverbios de tempo (acotío, decontado, decontino, decotío, deseguida, deseguido, enseguida); de cantidade (apenas); de modo (amodo, devagar); de dúbida (talvez)

Elimínanse na relación de adverbios alomenos*, que hai que subsitutír por polo menos ou tan sequera, e entonces*, tanto como adverbio: entonces* era o seu noivo, como conxunción: se non mo pagas, entonces* es un ladrón.

Outros cambios que se merecen salientar

Os signos de interrogación e admiración: O seu emprego é obrigatorio ao remate do enunciado e recomendado ao seu inicio para evitar ambigüidades é facer máis doada a lectura. Na redacción da norma de 1995 dicíase que “...deben situarse ó comezo... e ó final do texto afectado”.

Cuxo: Admítese o relativo posesivo cuxo con flexión de xénero e número (cuxa, cuxos, cuxas). Ou sexa, a partir de agora poderemos poñer: Teño un fillo cuxa muller é vicerreitora.

Contracións coa conxunción comparativa ca: Agora admítese a dobre representación para o encontro da conxunción comparativa ca co artigo determinado: ca o ou coas súas correspondentes flexións de xénero e número. É dicir, pódese escribir de dous xeitos: o teu pelo é máis longo có meu ou o teu pelo é máis longo ca o meu.

Hai que salientar, por último, que se engade a forma ouvir que convive con oír. Tamén na listaxe de adverbios inclúense alén (‘máis alá, do outro lado’) e aquén (‘máis acá, desta parte’). Por outra banda, auméntase a lista de preposición e locucións prepositivas con: a respecto de, alén de, após (‘despois de, atrás de’), aquén de, até, canto a.

Engádense chapeu, romeu e xubileu á relación de palabras en –eu. Bacallau e pau ás rematadas en –au;  ímpeto e tribu á relación de palabras en –o e puberdade ás rematadas en –dade.



Imprimir

 

 

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es