Novembro do 2007
   Visita os números anteriores
Buscas


09/11/07 Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización

15/11/07 Decídense os Premios Luísa Villalta

16/11/07 Remata a matrícula para os exames do Celga 1

28/11/07 Remata a matrícula para os exames do Celga 4

30/11/07 Cal é o teu epitafio?

10/12/07 Lingua, ensino e sociedade: O galego no teatro e na tv

18/12/07 A dinamización lingüística integrada no contorno

22/11/07 Matrícula nos cursos de redacción e deseño




Profesionaliza a túa lingua Servizo de Normalización Lingüística da UdC






 


Pasa a folla

Profesionaliza a túa lingua

De entre os servizos lingüísticos das universidades galegas, o da Coruña foi o que máis tardou en atender á elaboración e á difusión de vocabularios terminolóxicos. Pero hai que recoñecer que… cando se puxeron, puxéronse!



No ano 2004, a iniciativa «Profesionaliza a túa lingua» resultou gañadora do I Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras desa Universidade na categoría de Campañas. A proposta pretendía potenciar o uso do galego na docencia e na investigación universitaria elaborando vocabularios específicos para diversas titulacións desa universidade, que despois serían empregados nunha serie de obradoiros prácticos dirixidos a docentes.



A partir de 2005 a Universidade decidiu levar á práctica ese proxecto e desde aquela elaborou e editou un total de once vocabularios, amais de realizar tamén un bo número de obradoiros. Desa forma, hoxe conta con glosarios que atenden as áreas de arquitectura, informática, enfermería/podoloxía/ fisioterapia, dereito, bioloxía, económicas e empresariais, socioloxía, matemática, física e química, construción naval e deportes.



Pero curiosamente, a pesar de formar parte do mesmo proxecto xeral, os diferentes traballos presentan unha grande heteroxeneidade en canto á súa estrutura e á información que recollen. Así, atopamos algúns («Matemática», «Física e química», «Socioloxía»…) que adoptan a forma de glosario galego-castelán, mentres que outros («Construción naval», «Deporte»…) estrutúranse en sentido inverso. Pero ademais, algúns presentan definicións («Construción naval»), outros, exemplos de uso («Socioloxía»), e outros aínda, indicacións propias dun dicionario de dúbidas («Deporte»). Tampouco hai homoxeneidade á hora de incluír ou non índices de entradas, nin ao seleccionar a información que neles se cita en caso de incluílos.



Non sabemos se estas diferenzas veñen motivadas por razóns prácticas (adaptarse a requirimentos manifestados polos diversos colectivos de docentes, por exemplo), pero o que si é certo é que dificultan o manexo deste conxunto de vocabularios como unha colección, xa que quen consulta debe cambiar a súa estratexia de busca ao pasar dun traballo a outro.



Tamén se observa un gran pragmatismo á hora de seleccionar as entradas que compoñen os traballos. Déixanse a un lado criterios estritos, que levarían a recoller unicamente conceptos propios de cada unha das disciplinas, e óptase por incluír tamén palabras comúns que se consideran problemáticas: axuste, estrela, fixar, soster… en «Matemáticas»; auga, cor, dúbida, leste… en «Deporte»; fío, iogur, ler, pé… en «Física e química», etc.



Se queredes dispoñer dalgún destes traballos podedes dirixirvos ao SNL para solicitar exemplares en papel, ou ir a este enderezo, desde o que se poden descargar catro deles en formato .pdf



Imprimir

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es