Maio do 2003
   Visita os números anteriores
Buscas


02/05/03 Remata a inscrición no Curso de redacción e deseño

05/05/03 Remate do prazo do concurso de deseño gráfico

05/05/03 Xornadas "Lingua e emprego en Europa"

05/05/03 Comeza o Correlingua 2003

09/05/03 Dictame do concurso de logotipos para as cnl




Falar galego: "No veo por qué" Ana Iglesias Álvarez. Xerais: 2002






 


Pasa a folla

Falar galego: "No veo por qué"

Os anos 80, pero sobre todo a década dos 90, viron nacer os grandes estudios sociolingüisticos referidos á situación das linguas en Galicia. Sobrancea entre eles o Mapa Sociolingüístico da Real Academia Galega, un grande estudio verbo dos coñecementos, usos e actitudes verbo do galego, realizado sobre unha mostra dunhas 30.000 entrevistas. Estes estudios, feitos dende unha perspectiva fundamentalmente cuantitativa, puxeron de relevo determinados resultados: a boa competencia xeral en galego nas destrezas orais, o feito de ser o galego a lingua maioritaria de Galicia tanto dende a perspectiva da adquisición coma do uso, aínda que cunha fonda perda de transmisión interxeracional e de falantes, e o predominio de actitudes moi positivas cara á nosa lingua, a gran novidade a respecto dos resultados dos estudios dos anos 70.

Sen embargo, este tipo de traballos non respondían á gran cuestión en que probablemente reside o futuro do galego: ¿por que o uso do galego segue diminuíndo, mentres as actitudes cara a esta lingua melloran?

Ana Iglesias ofrécenos un traballo serio e rigoroso, mais facendo un importante esforzo divulgativo, dende unha perspectiva cualitativa, a focaxe que máis se está a utilizar nos últimos anos para coñecermos os gonzos que máis renxen na situación do galego, co obxectivo de botarlles o necesario aceite reparador.

Nove grupos de discusión, formados cruzando criterios como hábitat rural/urbano, idade e nivel de estudios (os parámetros que segundo o Mapa Sociolingüistico antedito máis inflúen na caracterización dos perfís dos diversos grupos sociolingüísticos), reflexionaron e debateron sobre o tema das linguas en Galicia: é a perspectiva desa cidadanía silenciosa, que sen embargo todos coñecemos.

Falar galego: no veo por qué non é soamente o título deste libro, senón unha das afirmacións vertidas nun deses grupos de discusión, que poderiamos converter no quid da cuestión. O estudio descobre as dúbidas, os problemas, as incertezas, os medos de galegofalantes e castelanfalantes de Galicia a respecto das linguas: ¿por que o meu fillo fala en castelán se eu lle falo en galego e a el lle interesa tanto todo o de Galicia? , ¿por que a min, que falei galego e mudei para o castelán, me amola que outra xente que toda a vida falou castelán fale agora galego?... Todos, en maior ou menor medida, nos habemos ver representados nalgunha das persoas que participaron nas discusións, nalgunha das súas afirmacións.

Pero ademais, o estudio revela dous aspectos moi importantes á hora de deseñar unha política lingüistica: no proceso de recuperación do galego non só xogan as actitudes, senón tamén outros factores como o hábito, o contorno, ou o nivel de competencia lingüística. Noutras palabras: a súposta liberdade á hora de elixir un idioma ou outro vese moi condicionada por este tipo de factores.

O segundo dos aspectos é que as actitudes verbo do galego non son tan boas como reflicten os grandes estudios sociolingüísticos anteriores. Ó escarvarmos na area ás veces descóbrense rochas ocultas que aínda cómpre vencer.



Imprimir

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es