|
¿Sabías que...? ¿Irak ou Iraq? A toponimia é a ciencia que estudia os nomes dos lugares ou topónimos. A traducción dos topónimos veuse rexendo nas linguas veciñas por diferentes criterios non sempre coherentes coas leis do protocolo e da lóxica. ¿Como adaptar ó noso sistema gráfico e fónico nomes procedentes doutros sistemas? ¿Que factores interveñen, ademais destes, na denominación dos lugares xeográficos? O nome oficial dos países, ou nome protocolario, que non sempre coincide co nome usual (República Ruandesa/Ruanda, por exemplo), adoita incluír marcas toponímicas relacionadas coa realidade física ou coa historia, como no caso de Emiratos Árabes Unidos ou Estados Unidos de América. As autoridades políticas a imposición dos cambios no nome oficial dos seus países nas outras linguas no dereito ó nome; mais esto experimenta actualmente certas tensións co dereito a nomear no propio idioma: Así, Belarús e Moldova impóñense protocolariamente ós antigos Bielorrusia e Moldavia coa intención de eliminar no primeiro caso a denominación "Rusia Branca" das linguas xermánicas (de Weiβruβland), e de substituír o nome soviético no segundo, matices extralingüísticos que non se manifestan na traducción dos topónimos, polo que pode producirse unha alternancia no uso ou convivencia de formas, ó non seren asimilados totalmente os novos nomes. Desgraciadamente invadiunos nos últimos meses a necesidade en tódalas linguas de falar de Iraq. ¿Como deberiamos escribir: Iraq/Irak? Nos idiomas próximos ó noso observamos unha vacilación na grafía que pretende transcribir aquela procedente do alfabeto árabe. A Real Academia Española recomenda a grafía <q>, mais a forma maioritaria nos medios de comunicación españois é Irak, preferida tamén en Colombia, Perú, Arxentina, Porto Rico e Venezuela, fronte ó Iraq chileno, mexicano, cubano e dominicano. A prensa británica e norteamericana escribe Iraq, forma recoñecida no Oxford English Dictionary; Irak documéntase en textos en inglés de hai un século. Os franceses usan Irak na maioría dos medios de comunicación, aínda que as dúas variantes son recoñecidas como propias do seu idioma. Pola contra, Iraq é a forma preferida polos italianos, e na prensa alemana atopamos maioritariamente Irak. O problema da transcrición, ó que o galego non é alleo, afecta, como vemos, a tódolos idiomas próximos. As causas de tanta vacilación débense á anomalía en todas estas linguas do /k/ en posición final, que o portugués resolve coa adaptación fonética Iraque, conforme ó habitual neste idioma, que utiliza sistematicamente o criterio fonolóxico nas transcricións. No caso do galego prescríbese a adaptación ó noso sistema ortográfico a través da escolla Iraq; é, xa que logo, este o topónimo que debemos utilizar, do mesmo xeito que escribimos Qatar para designar o país árabe Äkatar.
|
|
principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...? |