Abril do 2009
   Visita os números anteriores
Buscas


08/05/09 Premios Concello de Carballo a artigos xornalísticos

10/05/09 III Concurso «Lingua de amor»

15/06/09 As túas palabras preferidas

04/06/09 III Certame de recolla da tradición oral galego-portuguesa

09/06/09 Obradoiro de presentacións didácticas eficientes para PDI

11/06/09 Obradoiro de elaboración de unidades didácticas para PDI

20/06/09 Remata a inscrición nos cursos preparatorios dos CELGA

22/06/09 Obradoiro de expresión oral en galego I para PDI

24/07/09 Premios á calidade e á excelencia lingüística

24/07/09 Premios «Comunicándomos» de publicidade en galego

07/05/09 Correlingua 2009 en Santiago

11/05/09 Correlingua 2009 en Lugo

17/05/09 Manifestación: O galego, a nosa columna vertebral




Vocabulario de medicina (galego-español-inglés-portugués) Servizo de Publicacións, USC, 2009






 


Pasa a folla

Vocabulario de medicina (galego-español-inglés-portugués)

O ámbito das ciencias da saúde, e nomeadamente o da medicina, é un dos máis relevantes para a promoción da lingua galega, como o demostra o feito de que fose obxecto de análise específica no Plan xeral de normalización da lingua galega. Un dos puntos febles que nela se detectaron foi a “insuficiencia de recursos lingüísticos e terminolóxicos”, e por iso a creación destes recursos estableceuse como un obxectivo.

Esta carencia era xa sentida a comezos desta década por parte do profesorado e do alumnado da Facultade de Medicina da USC, e dela naceu o proxecto de elaborar un «vocabulario xeral da medicina» que acaba de ser presentado hai poucos días co título de Vocabulario de medicina (galego-español-inglés-portugués) dentro da colección «Vocabularios temáticos» do Servizo de Normalización Lingüística desa mesma Universidade.

Con el preténdese recoller a terminoloxía básica desa gran área de especialidade e ofrecer un produto que

  • facilite a emerxencia do galego como lingua de comunicación técnica na Facultade de Medicina, especialmente na actividade académica, onde a súa presenza é puramente anecdótica, e queda moi lonxe aínda da media da Universidade.
  • permita difundir entre os profesionais da medicina toda unha serie de denominacións populares galegas referentes a conceptos médicos, como patoloxías («vexigas» para a «varíola», «hedras» para as «varices»...) ou partes do corpo («corda» para o «tendón, «vidalla» para a «tempa», «pinguelo» para a «úvula...). O coñecemento desta terminoloxía popular, que non adoita aparecer na formación académica, é de interese para as e os médicos xa que con frecuencia é a que empregan os doentes na descrición dos seus síntomas.
  • favoreza a integración do alumnado procedente doutras zonas do Estado ou do estranxeiro, poñendo á súa disposición un produto que lles facilite a comprensión das clases e da bibliografía complementaria.

Para iso, o equipo de especialistas en medicina seleccionou un total 5393 conceptos agrupados en 13 áreas temáticas. Para cada un deles ofrécese a denominación galega (en función da cal se ordena alfabeticamente o traballo), e tamén os equivalentes en español, inglés e portugués. Para os conceptos anatómicos recollidos na Terminologia Anatomica engádese tamén a denominación latina, que se considera como internacional neste ámbito.

Para facilitar o acceso a todo este volume de información, o corpus de entradas complétase cunha serie de índices en que se recollen –ordenadas por linguas– todas as denominacións citadas no Vocabulario, e que remiten ao número de entrada en que se sitúa o concepto representado pola tal denominación. Deste xeito, a súa utilidade non se limita a dar a coñecer as denominacións galegas para os usuarios habituais doutros idiomas, ou as destes para os usuarios habituais do galego; tamén permite atopar equivalentes tomando como linguas de partida e destino calquera das incluídas no traballo.

Con estas características, pensamos que pode constituírse nun bo complemento da obra galega de referencia neste ámbito de especialidade: o Diccionario galego de termos médicos. Este volume, de máis de 20.000 entradas e avalado lingüisticamente pola Real Academia Galega, presenta desde o punto de vista do seu uso un punto feble: só se pode acceder á información existente sobre un concepto se coñecemos previamente o nome que para el se recomenda en galego. Se temos en conta a escasa presenza desta lingua na formación inicial e continuada dos profesionais da medicina esa é unha pexa relevante. Por iso, parécenos moi útil ofrecerlles aos usuarios vías que, partindo doutras linguas, permitan chegar ao coñecemento da terminoloxía médica galega e, desde aí, ao de descricións precisas dos termos nesa mesma lingua.

Deste xeito, o uso combinado deses dous traballos, ambos accesibles libremente na Internet, pon de relevo a súa complementariedade e multiplica a súa utilidade.



Imprimir

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es