|
Pasa a folla Bivir Estamos a vivir nunha sociedade na que os avances tecnolóxicos están á orde do día. Hoxe no lugar de pedirlle aos Reis Magos unha caixa con moitas cores para debuxar o mundo, o que facemos é pedirlle a última versión do programa que acaba da saír, para deseñalo. Internet é unha ferramenta moi útil que podemos empregar en calquera campo, tamén no da literatura. Consultar un libro hoxe pode facerse a calquera hora do día e en calquera lugar, tendo un ordenador cerca con conexión a Internet. As bibliotecas non sempre teñen o mesmo horario ca nós, pero sobre todo, nun hábitat disperso coma o galego non todos temos a sorte de vivir nun lugar cunha biblioteca pública dotada dos suficientes fondos para as nosas consultas; algunhas contan unicamente con enciclopedias básicas e algúns libros de interese xeral pero carecen de obras máis específicas. Daquela, Internet preséntase coma unha vía alternativa para ler clásicos. Podemos consultar se na Rede existe esa obra que nos interesa nalgún dos abondosos espazos dedicados a verter neste medio a literatura universal. O servizo non esté suxeito a horarios (podemos dispoñer del as 24 horas do día os 365 días do ano), o noso labor de busca e consulta acelérase considerablemente e, o que é moi importante para os tempos que andamos, adoita ser de balde. Ademais podemos consultar as grandes obras da literatura universal tanto na lingua de orixe (francés, alemán, italiano, español, portugués...) como traducidas a outras linguas que nos interese. Por exemplo, ao noso idioma. Convén lembrar que contar con clásicos literarios traducidos as linguas propias adoita ser un síntoma da boa saude destas, polo que as traducións deveñen paso importante sobre todo para as linguas minoritarias ou que están nun proceso de recuperación, como o caso do galego. Xa hai tempo as diversas editoriais galegas (por exemplo, Xerais, Galaxia ) iniciaron as coleccións de clásicos no noso idioma en formato libro, e que outras tamén abriron seccións para traducir ao galego outro tipo de xéneros, como o ensaio (Laiovento). A este importante esforzo cómpre engadir o que a Asociación de Tradutores Galegos está a facer para manter a Biblioteca Virtual da literatura universal en galego. Nela pódese atopar ata un total de 86 versións galegas de obras como A máquina do tempo, Barba azul, Contos da Alambra, O afrancesado... Se o que interesa é buscar por autores, o web tamén ofrece a posibilidade de escoller entre 57 escritores como Marcel Proust, Goethe, Clarín, Molière, Cicerón..., das máis diversas linguas orixinais: latín, francés, alemán, catalán, español, inglés. Hai obras de todos os xéneros: contos (dende O mundo conforme el vai até os Contos dos irmáns Grimm), fábulas (Dúas fábulas de R.L.Stevenson), poesía, teatro (Xinetes cara ao mar)... Os tradutores son colaboradores da Asociación de Tradutores Galegos que poñen ao servizo dos usuarios de Internet os seus traballos para que poidamos botar man deles, polo que se presume a calidade das versións. Con motivo do Día do libro (23 de abril) e a proximidade do Día das letras galegas (o 17 de maio, que este ano se lle dedica ao etnógrafo Xoaquín Lourenzo, Xocas), os actos e actividades relacionados coa literatura multiplícanse. Inaugúranse exposicións, promóvense obradoiros para animar á lectura, as librerías fan regalos, inícianse as feira do libro, e sobrancean os actos de promoción do noso idioma. Se cadra é momento de lembrarmos, unindo as dúas efemérides, que podemos coñecer literatura universal tamén en galego tanto no tradicional formato libro, como en formato electrónico e a través de Internet por iniciativa dos colaboradores desta Asociación de Tradutores Galegos.
|
principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...? |