Abril do 2004
   Visita os números anteriores
Buscas


04/05/04 Correlingua en Santiago

13/05/04 Correlingua en Lugo




Bivir Biblioteca Virtual da Literatura universal en galego






 


¿Sabías que...?

Os grupos cultos CC e CT

O 12 de xullo de 2003 a RAG deulle o visto e prace á coñecida como normativa do consenso. Os cambios sempre provocan receo, mais simplemente convén coñecelos. Unha desas mudanzas atingue aos grupos CC e CT.

A primeira dúbida é: redúcense sempre os grupos cultos –CC- e -CT-? Nas Normas especifícase que cae a primeira das consoantes só despois das vogais febles (i, u), en palabras como introdución, estrutura, aflición ou delito, e que non debemos caer no erro de facer a redución nos outros casos, cando as vogais precedentes son a, e, o (pactar, correcto, occidente…).

Ben, os grupos cultos CC e CT redúcense cando seguen a unha vogal feble. Sempre? No texto normativo explícase que convén manter esa primeira consoante nalgunhas palabras pertencentes a linguaxes especializadas, de escasa presenza na fala ou para evitar homonimias. Dámos así cos cultismos, que se detallan na seguinte listaxe:

Adicción, adicto, amicto, anfictión, anfictiona, apodíctico, convicción, convicto, deíctico, dicción, dicterio, dúctil, ductilidade, ducto, edicto, evicción, ficción, ficticio, flictena, fricción, friccionar, ictericia, ectérico, ictiografía, ictioloxía, ictiomancia (e outras formas con ictio-), indicción, invicto, lictor, micción, nictalope, nictalopía, pictografía, pictórico (e outras formas con picto-), ricto, succión, succionar, veredicto e vindicta.

Pero para sabermos cando debemos manter os grupos -cc- e -ct- non abonda con pensar en que palabras son máis habituais e cales non; esta regra pode funcionar en moitos casos pero noutros exemplos condúcenos directamente ao erro. E se non, pensemos en ficción  flutuación: o sentido común e a lóxica do cotiá levaríannos a empregar a regra de maneira errónea (*fición, *fluctuación).

Por outra banda, hai que ter en conta que algúns verbos, coma reflectir, conservan o primeiro elemento do grupo culto (ex. reflicto). Nesta familia léxica hai outra particularidade: o substantivo reflexo pronúnciase [ks].


OUTRAS CADEAS

Como é sabido, a denominación grupo culto non queda restrinxida ás secuencias -ct- e  -cc-, inclúe outras posibilidades de encontros consonánticos.
A norma do galego é bastante conservadora con respecto a isto, de aí que utilicemos, por exemplo, a grafía -pn- para pneumonía ou pneumático. Hai que facer mención tamén do grupo -st-, este pode resultar conflitivo cando vai inserido no prefixo post-, que ten como variante pos- para cando a continuación hai unha consoante (posguerra vs. postelectoral).


NOTAS SOBRE A PRONUNCIA

Existe nas linguas románicas (as derivadas do latín) unha tendencia no rexistro oral a relaxar a pronuncia dos grupos cultos ou incluso a evitala. O exclusivo carácter oral do galego durante séculos reforzou a inclinación popular á vocalización dalgúns grupos. Así, hai algunhas palabras que, en principio poderían conservar os grupos CC ou CT e, pola contra, vocalizaron a primeira consoante do grupo; son os semicultismos: doutor, doutrina, reitor, seita, suxeitar, etc..

Nesta última versión da normativa faise referencia por primeira vez á cuestión da pronuncia e dise o seguinte:

"A consoante implosiva dos grupos cultos consonánticos pronúnciase xeralmente relaxada, e mesmo pode desaparecer. Nos grupos CC e CT o primeiro elemento pronúnciase [k] con maior ou menor grao de relaxación ou non se fai, pero é incorrecta a súa realización como interdental. En gm e gn (diagnóstico) pronúnciase como velar sonoro (un g relaxado) ou mesmo coma un ene velar, mais nunca como aspirado."

É dicir, e para entendérmonos: en galego non debemos pronunciar "azto" (acto) nin "diajnóstico", coma en castelán, o que sería un castelanismo.

ADAPTACIÓN DO TEXTO

Os cambios automáticos fan que sexa moi sinxela a aplicación da norma no caso dos grupos cultos, só hai que buscar nos menús de Word en Edición >Substituír e facer os cambios UCC por UC; UCT por UT; ICC por IC e ICT por IT, sempre tendo en conta as excepcións. Polo momento aínda non dispoñemos de correctores ortográficos actualizados, algunhas palabras que hoxe non admite un corrector son as válidas.



Imprimir

 

 

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es