Xulio do 2006
   Visita os números anteriores
Buscas


05/07/06 Summer Courses on Galician Language

22/07/06 II Premios á calidade lingüística

30/09/06 Comunicándomos: I Premios de publicidade en galego




O Dicionario galego de televisión Pazó Fernández, E. (2005) CIRP






 


Pasa a folla

O Dicionario galego de televisión

Desde o pasado ano 2005 o conxunto de dicionarios especializados galegos que atenden ao ámbito da comunicación veuse ampliado cun novo traballo. Referímonos ao Dicionario galego de televisión, elaborado por Edith Pazó Fernández e revisado desde o punto de vista técnico por un equipo de cinco profesionais da Compañía de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG).

Estamos, de lonxe, perante o traballo máis ambicioso feito en Galicia e sobre o galego nesta área de especialidade. En primeiro lugar, polo enfoque con que se concibiu, xa que busca abranguer a terminoloxía fundamental de todas as vertentes da produción televisiva (desde a teoría da comunicación ata a iluminación, desde a análise e a medición de audiencias ata a decoración…), tal e como se pode ver na árbore de campos que se presenta na páxina 13.

Pero ademais, o seu volume de entradas –unhas 2500– e a cantidade de información que achegan convértena nunha obra de referencia. A maior parte delas inclúe unha denominación galega e as súas formas sinónimas –caso de que existan, unha definición do concepto e a enumeración dos nomes que este recibe en inglés, francés, castelán e portugués. A todo isto engádenselle en ocasións informacións complementarias, que unhas veces achegan datos de tipo enciclopédico, e outras orientan sobre o uso máis adecuado da forma recollida na entrada.

A descrición que acabamos de facer corresponde ao que sería unha entrada padrón, pero ademais existen outras dúas tipoloxías que non encaixan exactamente nese modelo:

  •  Unha correspondería coas entradas en que se describen conceptos que non terían por qué ter cabida nun dicionario técnico, como entidades (Eurovisión, Forta, UER…), operadores televisivos (TVG, Tele 5, RTP…), satélites (EUTELSAT, METEOSAT…) e outros semellantes. Nese caso non tería sentido ofrecer equivalentes noutras linguas nin información gramatical, polo que unicamente se inclúe unha definición e –cando existe– o enderezo web de cada unha delas.
  • Outra correspondería con entradas desde as que unicamente se remite a consulta cara a outra punto do Dicionario, no que si se ofrece toda a información sobre ese concepto.

Este tipo de entradas remisivas empréganse fundamentalmente en dous casos:

  1. Cando designan un concepto descrito con detalle noutra entrada; polo que –por unha cuestión de economía de espazo– óptase por non reduplicar a información.
  2. Cando recollen –marcadas en cursiva– denominacións habituais nesa área de especialidade, pero que segundo a autora non se deben incluír no patrón léxico do galego. Trátase tanto de formas desaconselladas en traballos normativos (como baffle ou dieta), como doutras sobre as que non hai aínda pronunciamento oficial (share, sitcom, storyboard…) pero para as que se ofrece e prioriza unha proposta neolóxica galega. Neste caso, a remisión si pretende orientar as escollas léxicas dos usuarios, animándoos a empregar as denominacións propias e a desbotar os préstamos –case sempre, anglicismos– que non se consideran apropiados.

Como acabamos de explicar, estamos perante un produto moi interesante por varias razóns, pero ao que, sorprendentemente, é case imposible acceder. Non figura no catálogo do ISBN, nin nas principais librarías en liña especializadas no libro galego. E o máis grave é que non estamos falando dicionario autoeditado ou publicado por unha pequena editorial, senón que detrás del están nada menos que a CRTVG e o Servizo Galego de Terminoloxía, dependente da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Agardemos que nun prazo curto de tempo os exemplares saian dos almacéns, e comecen a circular entre nós, e no entanto... a pelexar polos dous exemplares dispoñibles na Biblioteca da USC!.



Imprimir

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es