Xaneiro do 2006
   Visita os números anteriores
Buscas


30/01/06 Curso de reciclaxe de lingua galega

06/01/06 Obradoiro de expresión oral en galego

06/02/06 Cursos para non galego falantes

21/07/06 Premios á calidade lingüística nos traballos académicos




O deporte de ler / Ler sobre deportes Biblioteca Básica do Deporte. Edicións Lea






 


¿Sabías que...?

As palabras non o son todo

Moitas veces os fallos lingüísticos teñen a súa orixe no desleixo por levantarse e utilizar dicionarios, ou polo menos iso é o que parece. Danse rodeos, explícanse os conceptos (introducindo cantas oracións subordinadas sexan necesarias), no canto de consultar manuais de referencia para dar coa palabra apropiada. Un tradutor literario poñía como mal exemplo de tradución da secuencia She splashed through the water como atravesou a estancia mentres a auga producía ruído ao ser apartada polas súas patas (!), cando o que facía o animal era chapuzar

Hai tempo, non moito, a Universidade de Santiago fixo unha campaña que tiña por lema Non te mires o embigo*. Querían con ela chamar a atención daquela xente que vive encerrada en si mesma e quería convidala a cambiar de actitude, a abrirse ao mundo. A idea, que nos gusta, estaba mal expresada en galego, malia que as palabras que forman a frase son correctas. A incorrección non está tampouco na colocación dos termos no conxunto. O problema está en que en galego non expresamos a situación de ensimesmamento como *mira para o embigo. Nós andamos ao noso.

Evidentemente, coñecer unha lingua é saber algo máis ca o seu léxico ou as súas relacións sintácticas. Non se pode coñecer unha lingua de xeito completo sen coñecer, cando menos minimamente, o mundo ao que fai referencia. En castelán, para designar alguén que é un covarde pódese dicir del que es un gallina. As galiñas galegas non nos serven para denotar covardía. A diferenza non está, loxicamente, no animal que é igual de valente; está na utilización que fai un idioma del para expresar unha idea. Os galegos dicimos dun covarde que é un caguiñas ou un furricallo, pero non facemos a comparación con animal ningún para expresalo. Tampouco utilizamos o galo para dicir que algo se fai rápido. Así, unha frase como fíxoo en menos que canta un galo* é incorrecta para o galego. Habería que dicir: fíxoo nun vira-vira; nunha patada; nunha carreira, nun chiscar de ollos, ou, simplemente, rápido, etc.

Para mellorar a expresividade no noso idioma existen excelentes consultores de frases e expresións feitas que se poden mirar. De todos os xeitos dáme a impresión que non chega con botar man deles, como tampouco serve de moito ter moitos libros de cociña para saber cociñar. É máis útil poñer a orella e escoitar o que di –algunha–  xente e tamén, velaí o quid, como se expresa. Trátase, xa que logo, de buscar con interese na realidade os elementos comunicativos adecuados para nos expresar. Este pode ser o camiño para a mellora da nosa capacidade comunicativa e para que queden desterrados definitivamente expresións como: non é moco de pavo* (e dicirmos non ser peixe podre, non ser cousa de rir); nacer con estrela* (e dicirmos nacer de pé, nacer con boa fada), etc.



Imprimir

 

 

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es